O BNG acusa o PP de “tomarlle o pelo” á veciñanza de Rodeiro ao non poñer data de remate aos accesos da parcelaria
- ecosdacomarca

- 30 abr
- 3 min de lectura
Ariadna Fernández cualifica de “paripé” a primeira visita en dous anos a conselleira ao Concello “para sacarse unha foto coas palas nun camiño”
Ecos da Comarca/Rodeiro
A deputada do BNG pola comarca do Deza, Ariadna Fernández, acusou o Partido Popular de “tomarlle o pelo” á veciñanza de Rodeiro tras negarse en comisión parlamentaria a poñerlle data á finalización dos traballos de mellora dos accesos, principais esecundarios, aos predios da concentración parcelaria de Val de Camba. Unha negativa que considerou especialmente “vergonzosa” porque se produciu xusto un día despois de que a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, se presentase en Rodeiro para “facer o paripé”, “coa nota de prensa feita, para sacarse unha foto cun mapa e coas palas nun camiño”.
Criticou, neste punto, que a conselleira tardase ademais dous anos en visitar o concello e que o fixese precisamente o día antes de debaterse a iniciativa rexistrada polo BNG no Parlamento para reclamar o inicio das obras dos camiños, que o Consello da Xunta comprometera para o primeiro trimestre deste ano.

“A conselleira foi facer o paripé a Rodeiro para deslexitimar sen ruborizarse o traballo da oposición nesta comisión”, denunciou, ao tempo que reprobou que a Consellería xestione os recursos dos galegos e as galegas “a salto de mata”, utilizando os cartos públicos para “caciquear”.
“Irían a Rodeiro se non se rexistrarse a iniciativa do BNG?”, cuestionou durante o debate en Comisión, no que tamén lle afeou á conselleira non ter recibido aínda, tras máis de dous anos á fronte de Medio Rural, a representantes do concello que así llo pediron.
Durante a defensa da iniciativa parlamentaria, que recollía as reclamacións da veciñanza,
Fernández amosou a disposición do BNG a negociar co grupo maioritario sempre e cando no texto se recollese expresamente o compromiso do PP na Xunta a rematar os accesos “antes do inverno” deste ano, cuestión que non foi aceptada.
PUBLICIDADE
“Vai ser antes das eleccións?”, preguntou ás bancadas populares a deputada do BNG, que non obtivo resposta malia que, tal e como subliñou, a concentración parcelaria de Val de Camba foi aprobada en 2008 e os veciños e as veciñas levan agardando desde hai moito tempo polos camiños secundarios e as melloras das vías principais de acceso aos predios da zona de reestruturación, co que iso implica para a utilidade e comodidade dos propietarios das parcelas.
A deputada nacionalista criticou a “total incapacidade do PP” á hora de amosar “un mínimo de interese” polo medio rural e por unha concello no que o 42 % dos ocupados traballan no agro. “Gandeiros e gandeiras que están preocupados pola chegada da peste porcina africana, pola dermatose nodular, pola falta de superficie agraria útil, o abandono das terras ou a suba de prezos dos combustibles e dos fertilizantes ou os incendios”, destacou, lamentando a falta de resposta por parte da Xunta ante as principais inquedanzas do sector.
PUBLICIDADE
En concreto, a proposta do BNG para negociar co PP reclamaba “seguir impulsando os procesos de reestruturación parcelaria como un instrumento que permite incrementar a superficie agraria útil á vez que se mellora a rede de camiños e os accesos ás parcelas agrícolas, tal e como se está a facer na zona de concentración parcelaria de Val de Camba, onde se rematarán os traballos de mellora de viais principais, secundarios e o acceso aos predios antes do inverno do 2026”.








Comentarios