O Bloque Nacionalista Galego en Dozón esixe anular as tarifas na AP-53 durante as obras de arranxo
- ecosdacomarca
- 27 jun
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón
O Bloque Nacionalista Galego en Dozón esixe anular as tarifas na AP-53 durante as obras de arranxo. "Baseándose na xurisprudencia do Tribunal Supremo e á luz da normativa sobre consumidores e usuarios, a concesionaria que explota unha autoestrada de peaxe está vinculada cos seus usuarios por un contrato de servizos, polo mero feito de cobrar a cantidade fixada como peaxe. Trátase dun contrato bilateral ou recíproco (a concesionaria facilita o uso da estrada e o usuario paga) do que, ademais, xorden obrigas especiais para a concesionaria, relativas a garantir a ausencia de inconvenientes, atrancos e molestias para os usuarios. Polo tanto, debemos entender que o cobro de peaxes pola concesionaria só se xustifica se presta o servizo en condicións axeitadas", recalca o BNG.

Publicidade
No ámbito das súas relacións cos usuarios, a concesionaria, apunta, como empresa, tamén ten obrigas en canto á información que debe proporcionar aos usuarios, antes de que estes se vexan vinculados polo contrato, en canto ás condicións do servizo que ofrece. "A práctica de cobrar peaxes aos usuarios da autoestrada, aínda que non se lles preste o servizo nas condicións inherentes a ese tipo de estrada, debe considerarse abusiva e nula por falta de reciprocidade".
Publicidade
Ante o exposto e coñecendo as circunstancias que afectan á AP-53 ao seu paso por Dozón, o BNG considera que as peaxes practicadas deberían anularse no tempo que dure a obra. "Tamén esiximos que dende a propia institución do Concello de Dozón se comunique por vía formal co goberno central e en concreto co Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostíbel para trasladarlle dita esixencia. A empresa concesionaria ACEGA debe tomar estas medidas, anular as tarifas durante ditas obras e non repercutir aínda máis nos usuarios un custe do que xa supón a propia peaxe".
NOTICIA RELACIONADA:
Transportes inicia a renovación do firme na autopista AP-53 ao seu paso por Lalín e Dozón: https://www.ecosdacomarca.com/post/transportes-inicia-a-renovaci%C3%B3n-do-firme-na-autopista-ap-53-ao-seu-paso-por-lal%C3%ADn-e-doz%C3%B3n
Comments