Consistirá en ir a recoller a auga de sete fontes ao longo de 7,5 quilómetros por varios lugares do municipio así como as herbas para realizar o cacho
Laura Moure/Silleda
No Barrio das Baratas de Silleda queren dar un paso máis este ano na celebración da Noite Máxica de San Xoán. Por iso decidiron que para a preparación da auga coas herbas de San Xoán, o “cacho”, "imos convidar á nosa veciñanza e a todos aqueles que queiran sumarse a que veñan connosco e recollan a auga eles mesmos... pero non dunha soa fonte, senón de sete, como mandan os cánones".
Con este motivo organizaron un roteiro que leva por nome: Paseo das 7 Fontes de San Xoán, que ao longo de 7,5 quilómetros percorre sete fontes de varios lugares da parroquia de Silleda. "O paseo comeza no “campiño da Sindical”, lugar tradicional da fogueira das Baratas, e de alí parte cara a Fonte de Abaixo, no mesmo centro urbano. A partir de aí visitaranse as fontes do Foxo, Toxa, Toiriz, As Pedrosas e, finalmente, a Fonte do Campo, no barrio silledense do mesmo nome. O percorrido remata de novo no “campiño da Sindical”, a carón da Praza de Benito Rivas", explican.

Así mesmo para a preparación da fogueira e da festa na véspera de San Xoán, indican que farán "o noso “paseo en busca da auga” un día antes, no serán do mércores 22. Todos aqueles que queiran unirse a nós poderán facelo no propio lugar da fogueira ás 20:30 horas sen esquecer traer con eles unha botelliña dun litro para recoller a auga das sete fontes e algunha bolsiña de tea para xa de paso apañarmos algunhas das herbas que usaremos no noso cacho de San Xoán".
A tradición do cacho de San Xoán consiste en encher un recipiente de boca ancha -un cacho- con auga (idealmente de sete fontes distintas) á que engadiremos as follas e flores de sete herbas e plantas aromáticas que medran ventureiras polo San Xoán e que, dependendo da zona, poden ir desde o fiúncho ate o fento, malva, codeso, romeu, espadana, hortelá, herba luisa, herba de San Xoán, follas de carballo, xestas, etc.
A mestura débese deixar macerar ao orballo e baixo a luz da lúa durante toda a noite para, á mañá seguinte, lavar a cara con esta auga nas primeiras horas do día. A tradición di que unha vez feito, a persoa que fixo o lavado estará protexida durante todo o ano e mesmo terá unha pel máis rexuvenecida e libre de enfermidades.
A duración estimada do camiño será de entre 90 e 120 minutos e, a pesar de ter algúns tramos de subida constante e pequenos tramos por estrada. Está indicado para familias con nenos acostumados a camiñar, aínda que non para crianzas pequenas ou carriños de bebé.
O percorrido, incluíndo a ubicación das sete fontes, pódese consultar no seguinte enlace de Wikiloc:
Comentarios