O axente da Policía Local Martín Camba impartirá en Silleda o día 16 a sesión “Menores e Ocio Nocturno”
- Laura Moure

- 3 dic 2025
- 2 min de lectura
Estará pola mañá nos centros de secundaria e pola tarde ofrecerá outra para familias, tutores e persoas interesadas
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda organiza o vindeiro martes 16 de decembro unha xornada formativa e informativa titulada “Menores e Ocio Nocturno”, impartida por Martín Camba, axente da Policía Local de Santiago de Compostela e responsable das charlas sobre riscos e
normativa do ocio nocturno en numerosas localidades galegas.

A sesión chega por partida doble, así en horario de mañá, a charla terá lugar nos dous institutos de Secundaria do municipio: o IES Pintor Colmeiro e o CPR María Inmaculada. E as 18:00 horas, na Casa da Xuventude de Silleda, impartirase unha sesión dirixida a familias interesadas (pais, nais, titores e persoas educadoras).
Publicidade
Dende o departamento de Educación e Benestar, a concelleira Ángela Troitiño indica que con esta sesión doble se busca informar á mocidade sobre os riscos do consumo de alcohol, das condutas de ocio nocturno, e das consecuencias legais e de saúde que poden derivar delas, así como sensibilizar ás familias e ao colectivo educativo sobre a súa responsabilidade e papel clave no acompañamento e protección da mocidade “Queremos promover unha cultura de ocio responsable, dun xeito seguro e respectuoso coa normativa local e co benestar persoal e comunitario”, engade.
Martín Camba é axente da Policía Local de Santiago de Compostela desde 2003, con ampla experiencia en patrullaxe nocturna e en programas de prevención vinculados ao consumo, a viaxe de menores e o control do ocio.
Publicidade
Desde o ano 2021 coordina as charlas de “Ocio Nocturno Seguro” nas escolas e institutos da capital galega, un programa que só o curso pasado alcanzou máis de 5.500 participantes entre alumnado, familias e profesorado.








Comentarios