Baixo o título O camiño cara a emigración de Rosalía acadou o primeiro posto deste certame internacional co 40,74 % dos votos
Laura Moure/Arzúa
Está claro que querer é poder e despois de pensalo máis dunha vez a decisión de participar no Festival Internacional de Xardíns de Allariz foi un feito e ademais, lograron ser os gañadores. Isto foi o que lles aconteceu ao arzuán Johnatan Carreira e as súas compañeiras Sara del Río, de Ordes, e Ana Barxa, de Xinzo, que conforman o equipo Arquiterras. O deseño do seu xardín, baixo o nome O camiño cara a emigración de Rosalía, acadou o primeiro posto nas votacións dos visitantes ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz (Ourense) co 40,74 % dos votos. Este xardín permanecerá no lugar un ano máis polo que volverán a plantalo, a coidado... e para a vindeira edición estará a modo de exposición, algo que lles encanta aos seus deseñadores.

"A verdade que recibín a noticia con moita ilusión. Levabamos dende maio facendo visitas regulares para ver a evolución do xardín. As plantas e a horta foron medrando, florecendo, incluso morrendo, e o xardín cada día que o visitabas era totalmente diferente. A xente creo que valorou moito o feito de ter plantas que eles teñen nas súas casas: leitugas, millo, figueiras... Penso que serviu para que a xente se metese máis no papel e sentir ese camiño cara a emigración", confesa Johnatan Carreira.
Ademais, conta que cada vez que se desprazaban ao lugar atopábanse con visitantes sacando fotos e iso enchíaos de alegría e satisfacción. "Ten unha característica que nós non a buscamos cando fixemos o deseño que é que dispón de espellos, do reflexo da auga, de sitios onde sentarse e descansar... E iso levounos a ver aos visitantes sacando fotos e facíanos moita ilusión ver coma como participaban do lugar", subliña o veciño de Arzúa.
Pero como xorde a idea?
Johnatan Carreira, Sara del Río e Ana Barxa son amigos que se coñeceron na facultade cando estaban estudando Arquitectura e dende hai tempo rondáballes a idea de presentarse a este certame, pero a falta de tempo foi un dos inconvenientes, e agora coa carreira rematada sentiron que era o momento de lanzarse a aventura e o resultado non puido ser mellor. "Vimos que no Festival de Xardíns a temática era a poesía e ocorréusenos interpretar o poema de Rosalía de Castro Adeus ríos, adeus fontes", conta o arzuán. "Fixemos diversos deseños e fomos collendo o poema e representando as estrofas. No xardín hai catro maletas para que os visitantes collan unha delas e percorran o xardín. O primeiro que atopan son unha fonte e un regato. Cara ao final, en alusión a emigración, aparece un embarcadoiro para subir ao barco e marchar, sobre todo cara a América e de feito, hai moitas fotos da Habana".
Cabe mencionar que o segundo lugar, co 13,27% dos votos, foi para o xardín A poesía das Cousas dos italo-alemáns equipo Alm_a. e o terceiro posto, cun 10,07% dos votos, recaeu no transgresor Xardín futurista dos madrileños Equipo Misture. A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, fixo balance económico da XI edición. "Unha edición moi valorada polo público e con moita actividade ao seu redor”. Estimase que visitaron o festival ao redor de 35.000 persoas que deixaron uns ingresos de máis de 33.000 euros.
Pero sen dúbida, o toque galego, un tema coma a emigración que forma parte da nosa historia e o talento destes tres profesionais foron o que conseguiron meter no peto a boa parte desa xente.
Comentários