top of page

O artista dezá Xoel Fernández trae ao Mosteiro de Carboeiro a obra de teatro 'Calígula debe morir'

A peza teatral contará cun total de dous pases debido ao aforo limitado do cenobio tendo lugar as xornadas do 14 e 15 de xuño


Laura Moure/Silleda

O Mosteiro de Carboeiro de Silleda, escenario habitual de múltiples producións e eventos culturais, volverá ser protagonista unha vez máis grazas a unha representación teatral de primeiro nivel protagonizada polo actor dezá Xoel Fernández e dirixida por Mabel del Pozo. Xoel Fernández, oriúndo de Lalín, conta cunha amplísima formación e experiencia profesional no mundo da televisión (“Fariña” en Antena 3 ou “6 Hermanas” de TVE), do cine (“La Cueva”, “Mataharis” ou “Camarón”) así como do teatro, disciplina artística coa que chega ao tesouro monumental máis importante e característico de Trasdeza.

Acompañado da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, Xoel Fernández presentou a obra de teatro Calígula debe morir, na que da vida ao emperador romano Calígula para, a partir da súa traxedia histórica, reflexionar sobre a natureza humana, a perversión da sociedade e o existencialismo. Terceiro emperador do Imperio romano, Calígula reinou durante o ano 37 ata o 41, cando foi asasinado. Pasou aos anais da historia como un tirano tolo que levou á quebra económica a Roma. Ademais, foi presentado como un individuo cuxas características máis destacadas foron a crueldade, a extravagancia e a perversidade sexual.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis desta empresa.

A peza teatral contará cun total de dous pases debido ao aforo limitado do Mosteiro de

Carboeiro, tendo lugar as xornadas do 14 e 15 de xuño ás 21:00 horas. “A pesar de ter sido estreada no ano 2018, esta obra viviu unha grande evolución despois da pandemia” sinala Xoel Fernández, quen apuntou que nos últimos meses está a percorrer diferentes espazos patrimoniais por todo o país como o Palacio Real de Olite ou a Igrexa de El Salvador en Talavera de la Reina pero que agarda con “especial emoción a cita de Carboeiro porque é un lugar máxico e perfecto para a mesma”. Por outra banda, Paula Fernández, destacou o orgullo que supón contar cun actor da talla de Xoel Fernández en Silleda, vila coa que garda ademais unha especial vinculación, e animou a toda a veciñanza non perder o que será un dos eventos culturais do ano.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Ademais do lugar elixido, a particularidade desta función será a colaboración do colectivo

Enredos Teatro, grupo de teatro da Bandeira, que participará na obra dun xeito moi especial.


As entradas estarán a venda dende esta fin de semana no Concello de Silleda, Cuppedia,

Pukará, Arume e Bar Currás (Lalín), tendo un custo de 10 euros.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page