O Apalpador alaba as súas visitas a Dozón e Agolada
- Laura Moure
- 8 ene 2022
- 3 Min. de lectura
Laura Moure/Deza
O Apalpador viviu un novo éxito de público nas súas visitas aos concellos da provincia dentro do programa Nadal en Galego organizado polo departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra. Foron máis de 7.000 cativas, cativos e maiores as e os que puideron gozar da súa música, os monicreques, historias e pasarrúas nos que se fomentou o "am0r ao nadal galego" e se divulgou a necesidade do coidado da lingua, o medio ambiente ou a alimentación saudable e os produtos locais.
A deputada de Lingua María Ortega sinala que este ano estaban previstas máis actuacións ca nunca, en 43 concellos, nos que foi preciso ademais realizar varios pases das actuacións (ata 62 en total) debido á afluencia de público por petición da veciñanza, que participaba tanto de maneira activa nas sesións de contos musicados ou como espectadora dos pasarrúas. De feito, por motivo da COVID, a pesares da alta incidencia, só houbo catro municipios que decidiron cancelar, polo que a nacionalista amosou a súa satisfacción do ben que funcionou a iniciativa, que tivo que estenderse dende o 20 de decembro ata o 4 de xaneiro pola cantidade de funcións previstas.

O propio Apalpador tamén destacou que a viaxe pola provincia foi "un soño, un verdadeiro soño, un agasallo da vida inesquecible" e unha viaxe " máis interesante e aventureira, a mais fermosa que nunca fixen" polas dificultades da pandemia e tamén polo mal tempo. Este ano incorporáronse novidades como os agasallos forestais (repartíronse 220 árbores autóctonos como sobreiras, loureiros e érbedos), que fixeron que o proxecto se convertera nunha verdadeira "universidade rodante" divulgando os nomes das pezas, as súas características, as contornas da montaña galega, dos espazos naturais da provincia de Pontevedra: unha aula-escola que promoveu comportamentos de coñecemento e protección dos elementos da natureza, fomentando a reciclaxe e compostaxe.
Púxose en marcha tamén un proxecto audiovisual con monicreques da man da compañía de Marín ‘Tarabelos, títeres e contacontos' e dos creadores audiovisuais e plásticos de Pontevedra, Belén Veleiro e Cris Lores que fixeron nacer unha historia vencellando a Serra do Courel co carballo de Santa Margarida nunha viaxe dende Folgoso do Courel ate Pontevedra.
Creouse, ademais, ‘A banda da montaña' transformando a viaxe nun musical de rua introducindo novos sons e composicións musicais co saxo, guitarra, peitoque, gaita, cavaquiño e acordeón diatónico con acordes tradicionais galegos. Nela, ademais do Apalpador (Anxo Moure), participaron Servando Barreiro (músico cunha longa traxectoria, traballos editados e varios recoñecementos e premios); Viridiana Barreiro (estudante de conservatorio e saxo da banda de Bembrive); e Brais Moure: Músico aficionado, monitor de tempo libre titulado e estudante do Ciclo de Educación Ambiental da Granxa en Ponteareas.
As visitas do Apalpador dividíronse este ano de maneira comarcalizada, intentando facer o maior número de sesións por día en espazos o máis próximos posible co fin de reducir a pegada ecolóxica das emisións do transporte e mitigar o cambio climático. O Apalpador alaba as distintas visitas que fixo ao longo deste Nadal. No caso da comarca de Deza en Dozón houbo unha fantástica organización que puido coa chuvia, organizando incluso unha chocolotada con pasteis no palco da música. "Foi exemplo dun pobo reunido entorno a unha figura rural e de montaña, coma eles", explicou o Apalpador, que entregou como agasallo loureiros e sobreiras. En Agolada a sesión foi "preciosa", protagonizada polo hospitalario alcalde que se sumou a tocar a pandeireta, e un "fermoso pasarrúas con Protección Civil", que despois rematou con contos nun pendello.
NOTICIA RELACIONADA:
Comentarios