O alumnado do IES As Fontiñas visita a Rede de Calor con biomasa de Silleda
- ecosdacomarca
- 21 dic 2021
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
A Rede de Calor con Biomasa do Concello de Silleda continúa sendo un referente na comunidade galega. Así, a instalación,vén de recibir unha nova visita dun grupo de alumnos e alumnas do IES As Fontiñas de Santiago, que están a cursar o ciclo de Formación Profesional de Proxectos e Edificacións. Guiados polo personal da firma Veolia, adxudicataria da explotación desta instalación, os alumnos e alumnas percorreron a planta de produción que abastece a instalacións públicas e privadas con auga quente sanitaria e calefacción.
Hai dous anos, a instalación silledense, -que vén de ampliarse coa execución da segunda fase, xa foi unha das protagonistas das xornadas técnicas baixo o lema O futuro da construción, a construción do futuro, organizadas polo citado instituto compostelán, e que contaron con poñentes de renome, expertos en arquitectura ou enerxías renovables entre outros.
A Rede de Calor de Silleda, a primeira de carácter público-privado de Galicia, recibiu en 2019, meses despois da súa estrea a finais de 2018, o VI Premio Enerxía de Galicia, ao mellor proxecto de enerxías renovables.

Actuación para bebés
Por outra banda, o Concello informa que o vindeiro xoves 23 remata o prazo para asistir a actividade Son do Berce, para bebés de 0 a 3 anos, a cargo de A Cova das Letras. A función será o luns 27 pola tarde (17:30 horas) no Centro Cultural Vista Alegre. Os interesados deben anotarse de luns a venres de 9:00 a 15:00 horas no teléfono 985 58 00 00 ou de 16:00 a 22:00 horas no 986 58 55 50.
Comments