Unha decena de expertos serán os encargados de analizar estes aspectos nunha xornada técnica organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega)
Laura Moure/Silleda
O certame Enerxétika 2024 celebrarase do 11 ao 13 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda) co apoio da Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia. Esta cita contará cun completo programa de conferencias con gran interese para o
sector da enerxía. Entre elas destacará a xornada técnica “Almacenamento de enerxía e transición enerxética en Galicia”, organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e programada para o xoves 12 de abril.
Será inaugurada polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, para logo continuar coa súa conferencia inaugural. Esta centrarase nas alternativas de almacenamento enerxético e potencial de desenvolvemento, sendo o encargado de expoñelas Luis Miguel Varela, catedrático de Física da Materia Condensada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Seguidamente desenvolverase un bloque temático sobre retos, mercados e infraestruturas. Nel David Alvira, xefe do departamento Centro de Control Enerxético en Redeia, falará de almacenamento enerxético e retos e necesidades para a operación segura do sistema eléctrico; Rafael Gómez-Elvira, director de Relacións Institucionais e Marketing en OMIE, explicará a integración do almacenamento enerxético no mercado eléctrico europeo; e Alberto Suárez, delegado do grupo Naturgy en Galicia e director da Zona Norte de UFD, centrarase nas redes de distribución na integración de sistemas de almacenamento enerxético.
Publicidade
O seguinte bloque enfocarase en industria e tecnoloxía, sendo tres os aspectos que se tratarán. Por unha banda, debullará o desenvolvemento industrial e transición enerxética en Galicia Patricia Rodríguez, subdirectora xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria da Xunta de Galicia. Tamén se abordarán os novos modelos de negocio asociados ao despregamento do almacenamento enerxético, por parte de Santiago Rodríguez, director da División de Enerxía no Instituto Tecnolóxico de Galicia; e ademais as alternativas de obtención e usos en sistemas de almacenamento de enerxía respecto ao hidróxeno verde, de man de Joaquín Grassi, técnico da Unidade de Tecnoloxías da Enerxía en EnergyLab.
Liñas de apoio
Na última das conferencias desta xornada organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) a súa xerente, Vanessa Cal, dará a coñecer as liñas de apoio e incentivos da entidade. A continuación, pechará este encontro o secretario xeral de Industria da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez.
Comments