Laura Moure/Touro/Melide
O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, tomou posesión este venres como deputado provincial do Grupo Popular, mentres que a exalcaldesa de Melide Dalia García deixou a súa acta de deputada.
En concreto, no pleno provincial celebrado onte tomaron posesión seis novos deputados provinciais do Grupo Popular: Valentín Alfonsín Somoza (concelleiro en Dodro), José Francisco Santos (concelleiro en Cerceda), Ignacio Codesido (alcalde de Touro), Antonio Deibe (alcalde de Irixoa), José Javier Pego (concelleiro en Porto do Son) e José Luís Pérez Añón (alcalde de Laxe).
Deixan a súa acta de deputados/as provinciais Antonio Fernández Angueira, José Luis Fernández Mouriño, Dalia García Couso, Pablo González Cacheiro, Beatriz Molinos Vidal e José Muíño Rodríguez.
Por outra banda, o pleno Deputación da Coruña aprobou, con 15 votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e 13 votos en contra do PP unha moción de Marea Atlántica instando á Xunta de Galicia a frear os recortes na educación pública e os peches de aulas e colexios.
O texto aprobado pola corporación provincial respalda as reclamacións de gran parte do profesorado e ANPAS sobre os recortes que afectan ao sistema educativo en Galicia. "Feijoo leva pechado 138 centros públicos de ensino desde a súa chegada á Xunta de Galicia en 2009, pese a que o número de almunado matriculado ascendeu un 8%. Nestes anos, o orzamento de Educación da Xunta reduciuse en 113 millóns de euros, amosando unha aposta decidida por desmantelar o sistema público de educación", afirma o texto da moción.
A Deputación lembra que ANPAS e centrais sindicais veñen advertindo de novos peches, como o da escola de Pino de Val (Mazaricos) e recortes, coa supresión de 127 aulas de educación infantil, primaria e especial e ata 150 docentes menos en educación secundaria, rebaixando así o persoal non só respecto ao curso pasado, marcado pola pandemia, senón tamén respecto ao curso 2019/2020.
Apoio aos traballadores da antiga Alcoa
O pleno aprobou tamén cos votos favorables de todos os grupos políticos unha moción de Marea Atlántica sobre a situación que atravesa a antiga Alcoa e en apoio aos traballadores, que seguiron o pleno desde a sede da institución provincial. O pleno da Deputación manifesta o seu apoio e solidariedade coa plantilla de traballadores e traballadoras da empresa e solicita a Ministerio de Industria, Ministerio de Transición Ecolóxica, Consellería de Industria da Xunta de Galicia, administrador xudical e Concello da Coruña "que se reúnan, á mellor brevedade posible, co comité de empresa para marcar a folla de ruta para a súa viabilidade futura".
Declaración institucional de apoio ao pobo afgán
O pleno aprobou tamén unha declaración institucional manifestando o seu apoio ao pobo Afgán tras a toma do poder por parte dos talibáns "que consternan e inquedan por canto poidan ser a antesala da volta a un réxime represivo histórico neste país asiático, que supón unha especial ameaza para a integridade das mulleres e as nenas". "Os dereitos das mulleres deben ir nunha soa dirección, que é cara adiante", polo que "deben protexerse os dereitos gañados con tanto esforzo", reza o texto da declaración, que reclama que a cidadanía afgá "poida participar dunha convivencia pacífica e respectuosa con todas as crenzas relixiosas, opinións políticas e decisión de vida".
Commentaires