top of page
Foto del escritorLaura Moure

O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, agradece o labor do alumnado do obradoiro dual de emprego

O rexedor fixo unha visita aos participantes no módulo de xardinería mentres executaban traballos en Ligonde


Laura Moure/Monterroso

O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, achegouse ata algúns dos lugares onde realizan o seu traballo os alumnos do obradoiro dual de emprego do módulo de xardinería. En concreto, o rexedor estivo no albergue de Ligonde e no cruceiro dos Lameiros, ao seu paso polo Camiño Francés, onde os oito alumnos e alumnas deste módulo realizan labores

de limpeza e acondicionamento do itinerario Xacobeo.

O alcalde aproveitou a visita para coñecer o estado das intervencións, que se van prolongar ata principios de outubro, e agradeceu aos alumnos e alumnas o seu traballo ao

longo de todo o ano, así como á monitora, Lorena Rubín.


O Concello de Monterroso, xunto cos de Palas de Rei e Portomarín impulsan este obradoiro que conta con dous módulos, un de turismo e un de xardinería, que botou a andar en outubro do ano pasado coa participación de 20 alumnos, 15 de xardinería e 5 de turismo, que se están a formar en labores de xardinería e de promoción turística local e información ao visitante; tres docentes (dous de xardinería e unha de turismo), así como un administrativo e unha directora.


Publicidade

Nas vindeiras semanas o rexedor achegarase tamén a coñecer os traballos que están executando en Monterroso os alumnos e alumnas do módulo de turismo.


Axuda da Xunta

Este taller dual, que conta cunha achega económica de 503.987 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, é o terceiro que executan entre os tres municipios, co obxectivo, tal e como explica o alcalde de Monterroso, de “reforzar o valor do Camiño de Santiago ao seu paso polos tres concellos, as súas zonas verdes e promocionalos a nivel turístico”.

Publicidade

Para a selección do persoal tiveron preferencia os que presentaron a súa solicitude a través da oficina de emprego e os demandantes con especial dificultade de inserción no mercado laboral, como maiores de 45, emigrantes retornados, mulleres, parados de longa duración ou sen estudos.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page