O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, participou nas homenaxes a Ánxel Casal en Compostela e Teo
- Laura Moure

- 20 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Tras o golpe de Estado fascista, Casal refuxiouse en Vilantime, en Arzúa, ata que foi detido o 4 de agosto
Laura Moure/Arzúa
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, participou este martes, 19 de agosto, nos actos de lembranza organizados en Santiago de Compostela e Teo para homenaxear a figura de Ánxel Casal, alcalde de Santiago en 1936, editor e referente do galeguismo, no 89 aniversario do seu asasinato a mans do franquismo.

No Pazo de Raxoi celebrouse un acto institucional no que se puxo en valor a traxectoria de Ánxel Casal, quen fixo da defensa da lingua e da cultura galegas unha causa inseparábel da democracia e da xustiza social. Foi un dos grandes impulsores da dignificación e da normalización do uso do galego, tanto no ámbito editorial como no institucional e político. O 23 de febreiro de 1936, xa como alcalde de Santiago, pronunciou o seu discurso de toma de posesión en galego, un xesto cargado de simbolismo que marcou unha época e inspirou a toda unha xeración.
Tras o golpe de Estado fascista, Casal refuxiouse en Vilantime, en Arzúa, até que foi detido o 4 de agosto. Poucos días despois, na madrugada do 19 de agosto de 1936, era fusilado en Cacheiras, no concello de Teo.
Publicidade
Durante a súa intervención en Compostela, o alcalde de Arzúa subliñou a fonda ligazón do municipio coa memoria de Casal e reivindicou a súa figura como un símbolo de compromiso político e cultural. Nas súas palabras: “Cada vez que defendemos a nosa lingua, que loitamos polos dereitos democráticos, que traballamos por unha Galiza máis xusta, estamos honrando a Casal. O seu exemplo obríganos, o seu sangue derramado dignifícanos como pobo. Que nunca máis a intolerancia, o odio ou a negación da nosa identidade poidan ter cabida na nosa terra. Grazas á memoria e ao exemplo de Ánxel Casal hoxe seguimos loitando pola Galiza que el soñou.”
Publicidade
As homenaxes continuaron en Cacheiras, no Concello de Teo, lugar onde Ánxel Casal foi asasinado. Alí celebrouse un acto institucional no que se reafirmou a vixencia do seu legado e a importancia de manter viva a súa memoria colectiva.








Comentarios