Calvo aproveitou para entregarlles uns balóns e darlle un obsequio a cada cativo
Laura Moure/Agolada
Este luns tocou presentación no campamento urbano de Agolada, xa que arrancou a primeira quincena. Lévase a cabo nas instalación do CEIP Agolada e este ano está xestionado por Eduvía, empresa de servizos especializada na educación e no tempo libre. Nesta quincena participan 20 nenos de idades comprendidas entre os catro e os 12 anos.
Esta iniciativa lévase a cabo de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas. A primeira quincena será do 5 ao 16 de xullo; a segunda, do 19 ao 30; a terceira do 2 ao 13 de agosto e a última, do 16 ao 27 de agosto.
Este martes o alcalde, Luis Calvo, foi facerlles unha visita. E foi moi ben recibido por parte dos cativos. O rexedor contoulles que estudou naquel colexio ou que, na estancia na que agora se está levando a cabo esta iniciativa, era antes o comedor pequeno.
Os cativos estiveron personalizando os debuxos duns escudos con cores, figuras e escribindo aquelas accións que lles gustan facer para despois colgalos na parede e por suposto, o alcalde tivo que botarlles un ollo.
Os nenos aproveitaron para facer peticións ou incluso, para eloxiar o traballo do alcalde: “Miras polas aldeas” ou “Sacas as herbas das beirarrúas”, foron algunhas das cousas que lle dixeron. E incluso, un deles comentoulle que tiña moita sorte de ser alcalde: “Porque así tes todos os xoguetes gratis!”.
Entre as peticións que lle fixeron a primeira de todas foi poder xogar no campo de fútbol. E desexo cumprido! Minutos despois Calvo mandou traer as chaves para que os nenos desfruten desta instalación. E non só iso! Volveu de segunda para regalarlles cinco balóns e entregarlles a cadanseu un obsequio: plastilina, contos, axendas ou bolígrafos de cores. Ante iso foi recibido con moitos aplausos!
Calvo facendo entrega dos obsequios.
Así mesmo, outra das peticións é que abra a piscina e o rexedor xa lles explicou que se abrirán tan pronto sexa posible. Durante a visita tamén falaron do que lles gustaría ser de maiores e entre as profesións que saíron están a de ser policía ou youtuber.
Para a semana será a quenda dos nenos para visitar ao alcalde, xa que se desprazarán ata o Concello para saber como funciona a administración local.
Comments