O Agrocuir da Ulloa celebrarase os días 23 e 24 de agosto
- ecosdacomarca
- 19 ago 2024
- 1 Min. de lectura
Hoxe, luns, inaugurarase "Expo Cuir", a cargo da fotógrafa Zoe Vixión
Ecos da Comarca/Monterroso
No marco da novena edición do festival Agrocuir da Ulloa, terá lugar a "Expo Cuir", a cargo da fotógrafa Zoe Vixión. Zoe, cunha longa traxectoria profesional vinculada ao teatro e a fotografía, é unha persoa importante para o Colectivo Agrocuir e moitos outros colectivos culturais da Comarca da Ulloa, cos que colabora a través dun proceso de documentación gráfica que vén facendo durante estes últimos anos.

"ExpoCuir" documenta a convivencia no Festival Agrocuir durante as edicións de 2022 e 2023, aportando a súa propia visión sobre o encontro e a diversidade. A exposición conta cunha parte interactiva e tamén cunha peza en defensa da nosa terra, feita mán a man co proxecto Argalleira.art
A exposición inaugurarase hoxe luns 19 de agosto, ás 12 horas no Centro Cultural Lorenzo Varela de Monterroso, e será visitable ata o 30 de agosto, en horario de mañá.
Ademais, terá lugar a proxección dunha curtametraxe chamada O primeiro día na auga, creada por Zoe en colaboración con Paleira Electrónica e premiada co premio do xurado no festival de Finde Curta de Lugo.
Publicidade
"Énchenos de orgullo presentar xuntes esta completa exposición que non deixará a ninguén indiferente", sinalan dende a organización do Agrocuir da Ulloa.
A temática desta IX edición do Agrocuir será a defensa do territorio, nun contexto de ameaza provocado polo proxecto de construcción dunha mega fábrica de celulosa. Terá lugar os días 23 e 24 de agosto.
Commenti