Coordinado por WorkEvents busca favorecer os contactos profesionais entre empresarios, directivos e emprendedores ao redor dun cocido lalinense
Laura Moure/Lalín
Este próximo venres 5 de abril terá lugar o III Work Cocido Lalín no Edificio Polivalente da rúa Manuel Rivero. O Work Cocido é un evento networking con fundamento gastronómico que se realiza por terceiro ano consecutivo ao redor das actividades da LVI Feira do Cocido de Lalín. Coordinado por WorkEvents, da man da Asociación de Empresarios de Deza xunto á Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín, este encontro networking busca favorecer os contactos profesionais entre empresarios, directivos e emprendedores ao redor dun cocido lalinense.

O primeiro acto do evento terá lugar no auditorio do Edificio Polivalente da rúa Manuel Rivero, de 10:30 a 13:00 horas, onde se relatarán cinco relatorios de emprendedores procedentes de sectores diferenciados; as persoas inscritas poderán escoitar as interesantes experiencias profesionais e persoais dos relatores invitados que van intervir nesta edición:
Luis de Lorenzo, xerente de Conservas A Rosaleira, unha conserveira do Rosal fundada nos anos ́30, especializada na conserva do grelo entre outras hortalizas.
Natalia González Coego e Verónica Ledo LanÇao de Educalecrín, unha cooperativa lalinense orientada en inculcar os valores da educación social e ambiental a nenos e novos.
José Blanco de Velsan Invest S.L. Este directivo lalinense expoñerá a súa ampla traxectoria profesional e persoal no sector auxiliar da construción.
Adriana Abelleiro, xerente da sala Gradín, Pazo de Xerlís e Presidenta da Asociación de Hostaleiros da Estrada.
Juan Carlos Pérez, socio fundador de Aldealista; este emprendedor galego é axente de cambio rural, enfocado no impacto positivo da loita contra o despoboamento.
Publicidade
Unha vez finalizadas os relatorios e tras unha pausa café, desenvolverase unha mesa redonda na que todos os asistentes poderán participar con quenda de intervención e preguntas. Posteriormente todos os participantes, relatores e asistentes, dirixiranse ao Restaurante Casa Currás para degustar un Cocido de Lalín e continuar coas interaccións profesionais e, por tanto, as potenciais posibilidades de negocio.
Para poder asistir a esta terceira edición do Work Cocido é necesario inscribirse con antelación no correo electrónico: info@work-events.com ou ben chamando ao número 618 358 925. Cada asistente abonará previamente por transferencia bancaria ao restaurante o importe do cátering-café e/o do cocido.
Comments