"Xa iremos anunciando que decisións se tomaron. Pero no que si que me comprometo e en pagar o acordado e lamentamos que non se lles abonara as últimas tres edicións que pasou por Rodeiro", sinala o tenente de alcalde, Alberte Lamazares
Laura Moure/Rodeiro
O tradicional Rali do Cocido, que se disputará o 5 e 6 de abril de 2024, recuperará este ano o seu paso polo concello de Rodeiro. Así o anunciou este xoves a organización e o propio tenente de alcalde de Camba, Alberte Lamazares, tras manter unha reunión, ambos e o propio rexedor, José Luis Camiñas.
"Cando faltan menos de dous meses para o Rali do Cocido xa vos podemos presentar a placa da 28ª edición da nosa proba. Un ano máis, Disiclín será o noso principal patrocinador, e volverá formar parte do nome do rali. Desde aquí queremos darlle as grazas por seguir apostando pola nosa proba. Como podedes ver na placa, o 28º Rali do Cocido - Disiclín regresará ao concello de Rodeiro, e ademais farao con novidades, pero iso contarémosvolo máis adiante. Seguide atentos ás nosas redes sociais que se veñen cousas", indicou a organización a través das súas redes sociais.
Publicidade
Pola súa banda, Lamazares adianta que "non só imos volver traer o Rali de novo a Rodeiro, a maiores tamén lles imos pagar. Que esta proba pase por Rodeiro pode ter numerosos atractivos, pero todos eles dependen de como se organice por parte do goberno. Xa iremos anunciando que decisións se tomaron. Pero no que si que me comprometo e en pagar o acordado e lamentamos que non se lles abonara as últimas tres edicións que pasou por Rodeiro". Así o novo goberno farase cargo da deuda de 6.000 euros e voltará a traer este atractivo para Camba.
Publicidade
Así mesmo, Lamazares sinala que nun mes asinarán un convenio porque son conscientes de que eventos como estes traen moita xente ao pobo. "Consideramos que o tramo que decidimos vai ser fermoso, vai xerar actividade na restauración e nos bares e tamén poñerá a Rodeiro no foco do mundo deportivo".
Cabe mencionar que o actual mandatario no pasado mes de abril, cando aínda non era rexedor, acusou ao PP de perder a oportunidade de que o Rali do Cocido pase por Rodeiro. O que dixo no seu día Camiñas, no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/cami%C3%B1as-acusa-ao-pp-de-perder-a-oportunidade-de-que-o-rali-do-cocido-pase-por-rodeiro
Comments