top of page

O 112 Galicia rexistrou 384 incidencias por mor da chuvia ao longo do día

Das comarcas destacamos a área recreativa da Cornella que está asolagada, a auga xa pasa por riba da Ponte dos Cabalos ou a cantidade de auga que levan os embalses e as fervezas como a de Brañas, en Toques, e a de Toxa, en Silleda


Laura Moure/Xeral

As chuvias están a marcar o primeiro día do novo ano. Así, entre as 00 e as 18 horas do día de hoxe, o 112 contabilizou un total de 384 incidencias en Galicia. En gran parte da comunidade continúa activo un episodio de nivel laranxa por chuvias intensas. As emerxencias máis frecuentes foron os asolagamentos en vivendas (115), seguidos de incidencias relacionadas coas estradas: obstáculos coma pedras ou terra (74), bolsas de auga (43) e alagamentos (55). Tamén se produciron inundacións en garaxes (42) e rúas (26). Das comarcas queremos destacar a área recreativa do Liño (da Cornella) entre Agolada e Santiso que está asolagada como se ve na imaxe ou a auga xa pasa por riba da Ponte dos Cabalos, situada entre Agolada e Lalín, como podemos aprezar no vídeo que hai liñas máis abaixo. Tamén resaltamos a cantidade de auga que levan os embalses ou tamén as fervezas como a de Brañas, en Toques, e a de Toxa, en Silleda.

A Cornella. Autora: Matilde Pallares

As provincias máis castigadas pola chuvia foron Pontevedra (195), Ourense (108) e Lugo (69). Pola súa banda, na da Coruña só se rexistraron doce incidencias desta índole.

As emerxencias nos concellos pontevedreses tiveron que ver, maioritariamente, con asolagamentos en vivendas (72), garaxes (28) e baixos comerciais (24).

A Ponte dos Cabalos, hoxe.


Algunhas persoas permaneceron nas súas casas, sen a posibilidade de saír ao exterior debido a baixos asolagados ou á forza coa que baixaba o río: foi o caso dunha vivenda no lugar de Urcela (Ponteareas), cuxos ocupantes chamaron esta tarde ao 112 para informar de que o leito estaba desbordado.


En Salvaterra do Miño, varios inmobles resultaron afectados. Nun deles, situado no lugar das Regueiras, unha persoa indicaba ao 112 preto do mediodía que non podía saír da casa porque o nivel da auga lle chegaba ata os xeonllos. Tamén en Salvaterra, o paseo do Miño, no lugar da Barca, sufriu varios desprendementos cara ao río.


No concello de Tomiño rexistráronse 52 incidencias, e a maioría delas (25) tamén tiveron que ver con alagamentos en vivendas. Un particular informou ao 112 pasadas as 12 horas de que o baixo do seu domicilio, no lugar do Cruceiro, estaba inundado case ata o teito. Ademais, a auga baixaba tamén pola rúa. No lugar dos Muíños, en Ponteareas, a Policía Local informaba ao 112 contra as 14:45 horas de que unha persoa que se atopaba no interior da súa casa, coa auga superando o metro de altura, conseguira saír ao exterior. Así, na localidade de Ponteareas contáronse un total de 17 casos, polos 15 de Tui ou os 14 de Salvaterra de Miño.


Por outra banda, con respecto ao corte de circulación ferroviaria entre Ourense e Guillarei, varios puntos permanecen cortadas debido ás choivas e os posibles desprendementos.

Ourense tamén contabilizou boa parte das incidencias na comunidade relacionadas coas fortes chuvias. Na parroquia de Lobios, ao fío das 14 horas, o 112 tivo constancia de varias vivendas ás que lles estaba a entrar auga. En Xinzo de Limia, o desbordamento do río tamén provocou o asolamento de diversos inmobles situados na parroquia de Santa María de Lamas.


No lugar A Xesteira, no Carballiño, o asolagamento da única estrada deixou incomunicado o pobo durante varias horas. O 112 solicitou para este operativo a intervención da Garda Civil de Tráfico e do Servizo Municipal de Protección Civil do Carballiño.

No Saviñao (Lugo), pola súa parte, un particular informou ao 112, pasado este mediodía, dunha ponte da estrada municipal que caera ao río. Aínda que sen provocar danos persoais, sinalaba o perigo para a circulación de vehículos. Desde o 112 informouse da incidencia aos Bombeiros de Chantada, á Garda Civil e a Protección Civil do Saviñao.

No relativo aos accidentes de tráfico, destacou unha saída de vía debido, segundo o particular que informou, a unha bolsa de auga na estrada en Vilar de Santos (Ourense), aínda que sen feridos de consideración.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Na provincia de Lugo, destacaron os municipios de Sarria, con 9 incidencias rexistradas, e Chantada e Carballedo, con 8 cada un. Pola súa banda, en Ourense, o Carballiño rexistrou 13 incidencias, polas 6 da cidade de Ourense.


Rescate en Monforte de Lemos Ás 18:20 horas, o 112 Galicia recibiu o aviso dun vehículo que non podía seguir circulando debido a unha importante cantidade de auga acumulada na vía. Os feitos sucederon na rúa Real de Monforte, e foi unha das persoas implicadas a que informaba de que non precisaba asistencia sanitaria, pero si axuda para abandonar o vehículo.


Desde o 112 informouse á Policía Nacional e aos Bombeiros , á Policía Local e a Protección Civil do Municipio.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page