Das comarcas Silleda e Palas de Rei foron os municipios que rexistraron máis incidencias
Ecos da Comarca/Xeral
En total, son 342 incidentes os recollidos no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias entre as 18 horas do venres e este mediodía, 296 nas últimas 12 horas.
As incidencias máis destacadas continúan a ser as relacionadas coa presenza de obstáculos estradas: retirada de árbores e pólas (190), de postes e cables de alumeado ou telefonía (22) ou de restos de accidentes e derrubamentos (12).

Ademais, as tarefas de prevención de risco (como a retirada temperá de vexetación) continúan entre as incidencias máis frecuentes (27), mentres que nas últimas horas comezan a abundar os avisos relacionados coa chuvia, con múltiples intervencións dos servizos de emerxencias por inundacións en estradas (23) e bolsas de auga (9), anegamentos en vivendas (9) ou asolagamentos en rúas (3) e en garaxes (2).
Por provincias
No relativo ás provincias, Pontevedra segue a ser a máis castigada polos efectos da climatoloxía adversa, segundo os datos recollidos polo 112 Galicia: acumula 168 incidencias, 25 delas en Vigo, 11 en Pontevedra e 8 en Redondela ou Silleda. Na da Coruña rexistráronse preto dun cento de incidentes (92), destacando Santiago (7), Noia (6) e Teo (4). En Lugo (50), os concellos con maior número de mobilizacións dos servizos de emerxencias foron Palas de Rei e Lugo, con seis cada un. Por último, Montederramo (2) e Allariz (2) destacan na provincia de Ourense, que rexistrou unha trintena de casos (32).
Incidencias destacadas Entre as incidencias máis destacadas das que tivo coñecemento o 112 Galicia ao longo da mañá atópase un importante desprendemento que obrigou a cortar a circulación no quilómetro 3 da AG-46 en sentido Cangas. Un particular informou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, que pasou aviso á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento da autovía.
Outro desprendemento rexistrouse no quilómetro 10 da PO-313, en Moaña, onde os servizos de emerxencias advertían dunha roca de grandes dimensións que dificultaba a circulación.
Pouco antes do mediodía, o persoal de ADIF informaba ao 112 Galicia de que o tráfico ferroviario de entrada e saída de Santiago permanecía cortado. Pouco antes, ás 10:15 horas, varios particulares alertaban de árbores caídos na vía de tren. Desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración da Policía Nacional.
Publicidade
No campo de fútbol de Bouzas, un particular chamou ao 112 Galicia para alertar de que estaba a soltarse unha das torres de iluminación. No momento do aviso, explicaba que se movía moito e que isto obrigou a parar un partido que se estaba a disputar. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse aos Bombeiros e á Policía Local.
Tamén, os servizos de emerxencias tiveron que intervir para auxiliar a varias persoas que quedaron atrapadas en bolsas de auga cos seus vehículos. Un caso produciuse en Nogueira, Ponteareas, e no operativo participaron o GES-SPEIS de Ponteareas e a Garda Civil de Tráfico.
Na zona do río Belelle, en Neda, os Bombeiros de Ferrol tiveron que rescatar a unha persoa cuxo vehículo estaba sendo arrastrado polo río. O implicado conseguiu saír por unha das ventás, pero quedou illado pola auga. A persoa non resultou ferida. No operativo de rescate participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Ferrol, o GES de Mugardos, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Garda Civil, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Neda.
Publicidade

Por outra banda, tamén se recibiron múltiples chamadas de particulares que alertaban de cursos de ríos desbordados, como o Tea en Ponteareas. Os voluntarios de Protección Civil da localidade interviñeron para cortar unha das estradas próximas. Avisos similares chegaron de localidades como Viveiro, Ponte Caldelas ou Cuntis.
En Salceda de Caselas, un particular chamou ao 112 Galicia para informar de que había unha estrada anegada preto dunhas naves industriais situadas en Santo Estevo de Budiño. Os voluntarios de Protección Civil encargáronse de cortar e sinalizar a vía.
Por último, o 112 Galicia tivo tamén constancia de múltiples árbores e pólas nas estradas. Unha vez máis, sobre todo en vías secundarias. Non obstante, rexistráronse casos na PO-534 (Silleda), N-559 (Mondariz), PO-214 (A Estrada), N-634 (Mondoñedo), N-640 (Castro de Rei), A-52 (A Cañiza), PO-255 (Ponte Caldelas) ou LU-613 (O Páramo).
Comments