Ao longo do Nadal do ano pasado, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 363 chamadas relacionadas cos accidentes de tráfico, que xeraron 270 asistencias
Laura Moure/Xeral
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade, reitera, un ano máis, o seu chamamento aos condutores e aos peóns para que extremen as precaucións nas estradas durante os vindeiros días de festividade. Ante a previsión dun maior número de desprazamentos, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda aos condutores aumentar as medidas de prevención e lembra a obrigatoriedade e conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras de retención infantil. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.
Outro dos factores que intervén nun accidente, a ter en conta polos condutores, é a velocidade. Por isto, resulta importante que as persoas ao volante se manteñan en condicións óptimas polos problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso. Ademais, débese evitar o consumo de alcohol porque os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de producírense, dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados.
Por outra banda, no caso dos peóns cómpre lembrar a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas, xa que as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.
Publicidade
Balance Nadal 2022/2023
Nas festividades do ano pasado, desde as 15:00 horas do sábado 24 de decembro de 2022 ata as 23:59 horas do venres 6 de xaneiro de 2023, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 363 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 270 asistencias. Nelas, atendéronse 356 persoas. A proporción de homes e mulleres asistidos foi do 52% e do 48% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 28% das persoas atendidas tiña entre 35 e 49 anos.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 311. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 43 accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico atenderon en 255 sinistros e os médicos de atención primaria que medicalizan os recursos asistenciais de soporte vital básico, no caso de ser necesario en 12 ocasións.
Publicidade
En 295 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 57 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e catro persoas faleceron no punto.
Como actuar ante un sinistro de tráfico
Ante un accidente de tráfico é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas. É importante avisar canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, marcando o 061 e non intervir se non se sabe como.
A persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados. Cantos máis datos se lle dean, máis se axudará na súa tarefa.
Publicidade
Hai que lembrar que é necesario facilitar a situación exacta do lugar do accidente e o estado dos feridos para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios segundo a gravidade do suceso.
Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, débese tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberase poñer roupa rechamante, pero nunca escura. Ademais, sinalizarase o accidente antes e despois do lugar no que ocorreu.
Comments