top of page

O 061 de Galicia aconsella precaución co alcohol, a condución e o lume das fogueiras en San Xoán

A Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal ante o incremento do número de chamadas por intoxicacións, accidentes de tráfico e queimaduras


Laura Moure/Xeral

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na comunidade galega, recomenda ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da noite de San Xoán, que terá lugar hoxe. Un ano máis, a Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal na franxa horaria que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Así, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico e as queimaduras  producidas no ámbito das cacharelas constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

No caso de celebrar a tradicional festividade das fogueiras de San Xoán é importante seguir os seguintes consellos:

  • En primeiro lugar, as fogueiras supoñen un compoñente de perigo, tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

  • Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos na súa proximidade. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume, débese evitar que os nenos se acheguen ás fogueiras e cómpre extremar as precaucións.

  • Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella situarse de costas á dirección do vento, especialmente se se sofre dalgunha patoloxía respiratoria, para evitar que as chamas e o fume se dirixan cara a persoa e así non sufrir lesións por lume e inhalación de fumes.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
  • Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao chan e móvase ou quede quedo mentres as apagan.

  • Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

  • Tamén é importante non conducir baixo os efectos do alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.


San Xoán 2024

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na noite de San Xoán do ano pasado 61 intoxicacións etílicas ou por drogas, sete accidentes de tráfico, con sete persoas implicadas, e cinco queimaduras provocadas polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 21.00 horas, do domingo 23 de xuño, ata as 09.00 horas, do luns 24 de xuño.

A Coruña con 36 intoxicacións etílicas ou por drogas foi a provincia que rexistrou o maior número de atencións, seguida da Pontevedra con 18, Lugo con cinco e Ourense con dúas persoas atendidas. 35 persoas foron atendidas no punto e non requiriron traslado e 26 foron trasladadas a centros sanitarios.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As queimaduras atendidas polo 061 na noite de San Xoán foron cinco. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu catro persoas en Pontevedra e unha persoa na Coruña. Todos os pacientes necesitaron ser trasladados a un centro hospitalario.


No caso dos accidentes de tráfico, foron asistidas sete persoas en sete accidentes de tráfico. Pontevedra rexistrou tres accidentes de tráfico; A Coruña e Lugo rexistraron dous accidentes de tráfico respectivamente. Do total de persoas atendidas, cinco foron trasladadas a centros sanitarios e dúas foron asistidas no punto sen necesitar traslado.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page