top of page

Nove orquestras marcarán o ritmo durante os cinco días das festas patronais de Lalín en setembro

Estas son América SL, Panorama, París de Noia, Cinema, El Combo Dominicano, Top Líder, Finisterre, Panamá e Olympus, ademais do grupo de música tradicional Milladoiro


Laura Moure/Lalín

A Comisión de Festas das Dores 2022 de Lalín (conformada pola presidenta, Inés Reboredo Brandido; polo vicepresidente, Luis Fernando González Gamallo; pola secretaria Beatriz González Rozas; polo tesoureiro Alejandro Penalta Muíños, e polos vogais Sandra Rodríguez Gil, José Luis Mosquera Fuentes e Antonio Fernández Fernández) vén de pechar practicamente o cartel das patronais lalinenses, tan só pendentes de pequenos detalles.


Así a súa presidenta, Inés Reboredo Brandido, indica que “ademais da cinco grandes orquestras (América S.L.; Panorama; París de Noia; Cinema e El Combo Dominicano) están confirmadas tamén as orquestras Top Líder, Finisterre, Panamá, Olympus e o grupo Milladoiro”. “Ademais tamén estarán presentes agrupacións locais, tanto bandas de música, como grupos de gaitas tradicionais e charangas do noso concello e tamén haberá actividades infantís todos os días, atraccións, un concurso pirotécnico que se celebrará o domingo e tamén se realizará un sorteo presencial dunha viaxe ao Caribe para 2 persoas en hotel 5 estrelas con posibilidade de canxear por 10 vales de 200 euros a investir nos establecementos colaboradores para o que poñemos á venda talonarios a 5 euros”, explica. O sorteo terá lugar ás 21.45 horas diante do palco da orquestra do Combo Dominicano. As rifas deberanse depositar nunha urna que estará instalada no Km0 ese mesmo día de 16 a 21.30 horas.


Reboredo afirma que “desde a Comisión de Festas queremos agradecer o esforzo económico que fai este ano o Concello pero aínda así é todo desde a Comisión temos que facer un esforzo económico considerable dado que coas actividades complementarias que lle sumamos ás festas xunto ao concurso pirotécnico teremos que conseguir máis de 50.000 euros a maiores da aportación municipal para sufragar o programa de actividades previstas”.

Neste sentido recalca que “desde a Comisión facemos un traballo bastante amplo na dinamización do noso pobo, non só para os de Lalín, da Comarca, senón tamén para os visitantes doutros puntos de Galicia que poidan achegarse ás nosas festas”. “Un traballo para o que pedimos a maior colaboración veciñal, empresarial pero tamén dun sector como a hostalería que vai ser o máis favorecido, dado que ao vir orquestras algunha formación son xa máis de 35 persoas que cean, pernoctan e almorzan no noso pobo”, explica.


“Hai outros sectores como carnicerías, peixerías, panaderías e comercio para os que os festexos patronais tamén son motor económico porque sempre se compra algo máis de alimentación para os festexos ademais da tradición de comprar algunha peza nova de roupa para estrear polas festas”, subliña.


Ao respecto fai fincapé en que “a Festas das Dores non só unha actividade lúdica, senón tamén un motor económico e de desenvolvemento para o noso pobo e algo que todos debemos ter presentes, que as festas son de todos e non só da Comisión ou do Concello”. “Por iso insistimos na necesidade dunha ampla colaboración e que se entenda o traballo, algunhas veces, incluso ingrato da Comisión, e senón que lle pregunten a algún dos anteriores membros das Comisións de Festas para que lle digan o traballo que dá facer este labor”, sinala.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Pola súa parte, o edil de Festas, José Cuñarro, subliña que “este ano o grupo de goberno decidimos volcarnos especialmente nas Festas das Dores 2022 porque levabamos dous anos sen telas ademais de que consideramos que é unha maneira moi axeitada de promover o dinamismo no pobo, de xeito especial, na hostalería e o comercio e tamén nas formacións musicais que levaban tempo paradas pola pandemia e que é o momento de volvan recobrar actividade”.


Cuñarro precisa que “quixemos que nas Festas patronais tivesen presenza artistas do noso concello e artistas galegos tentando recuperar tras o parón obrigado a nosa cultura de verbena porque nalgunhas parroquias, tras dous anos, xa non hai nin comisión de festas”. “Só traemos unha agrupación de fóra (Top Líder), unha formación zamorana que toca pezas orientadas principalmente a un público de entre 30 e 50 anos”, sinala.


Cultura local

Deste xeito nas Festas das Dores haberá “unha aposta pola cultura local e galega como parte da nosa identidade”. Tamén salienta que “a cativada terá actividades ao seu dispor todos os días das festas, ademais das tradicionais atraccións, un amplo programa para que gocen destes días nos que non teñen colexio”.


Desde o goberno agradécese o esforzo á Comisión de Festas por realizar un traballo complexo que lle restan ao seu tempo persoal dun xeito voluntario.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page