top of page

Nove agrupacións actuarán no Esmorga Folk da Bandeira o 18 de agosto

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Amigos da Empanada aposta pola diversidade musical nesta cita que xa cumpre 33 edición


Laura Moure/Silleda

O Festival Esmorga Folk da Bandeira (Silleda) nace no 1989 froito do esforzo dun grupo de mozos e mozas do pobo de Bandeira, amantes da música tradicional que vían como co paso do tempo esta se deterioraba e quedaba no esquecemento. Este festival consolidouse grazas ao empeño da organización de xuntar ano tras ano os grupos de máis renome do panorama musical, chegando a actuar na vila da Bandeira agrupacións procedentes non só de Galicia e España senón tamén de diversos países. Artistas e bandas como Luar na Lubre, Mercedes Peón, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Susana Seivane, Treixadura, A Roda ou mesmo Tanxugueiras, que se estraron neste certame, converten o Esmorga Folk nun dos eventos de maior prestixio da nosa terra e unha cita ineludíbel do verán galego xunto coa Festa da Empanada e o curmán o Festival Bandeirock.


Dende hai anos, a organización do Esmorga Folk recae no colectivo cultural Amigos da Empanada, que decidiu apostar pola unificación de todas as actividades que xiraban ao redor da Festa da Empanada baixo unha mesma directiva e proxecto co obxectivo de sumar todas as forzas e lograr unha mellor coordinación. Deste xeito, o Esmorga Folk comparte co Bandeirock a marca de Festivais da Empanada, un distintivo que a entidade “espera impulsar nos vindeiros anos unha vez se logre o Interese Turístico Nacional”.

A Directiva de Amigos da Empanada con Mónica González (concelleira de Cultura), Luis Cerviño (creador do cartel) e Nina Ansedes e Alejandro García (Helvetia).

Mentres tanto, Amigos da Empanada non defraudou coa presentación dunha nova edición do festival de música folk que contará coa actuación de ata nove agrupacións o próximo venres 18 de agosto. Como novidade, tal e como sucedeu no caso do Bandeirock, o horario de comezo adiantarase unhas horas ata as 20:30 horas.


Como prato forte do festival, A Bandeira terá a oportunidade de despedirse dunha das agrupacións máis veteranas do panorama musical galego e máis vencelladas á capital da empanada e ao Esmorga Folk, onde actuaron en diversas ocasións nestas máis de tres décadas. Estamos a falar de Leilía, que nace tamén no ano 89 e da man de seis mulleres que cunha aposta pioneira e atrevida, se propuxeron recuperar do esquecemento a tradición oral galega. As súas pandeiretas e singulares voces soarán por vez última na Carballeira da Pomba da Bandeira xa que abandonan os escenarios. Leilía estará acompañada de Caxade, proxecto musical de indie-folk do músico galego Alonso Caxade que comezou a súa andaina no ano 2012 e que colleitou nos últimos anos numerosos éxitos entre os que podemos destacar o Premio Opinión ao Mellor Artista, gañador do Música Xove, unha nominación aos Premios Mestre Mateo 2013, dous nomeamentos aos Premios Opinión 2013, aos Premios Galegos da Música e aos Premios de la Música Independiente. Nesta ocasión, Caxade actuará xunto coa Banda Recreativa e Cultural da Bandeira coa que xa traballaron noutros proxectos nos últimos anos.


Ademais, o Esmorga Folk volverá a vibrar coa Requinta da Laxeira, grupo de música tradicional que amenizou a pasada edición do festival e que volverá á Bandeira con ganas de repetir o gran éxito acadado. A tradición musical galega unirase ao folk máis irlandés que traerá o grupo Rack & Ruins e que aterran directamente dende Dublín para ofrecer outros estilos máis variados ao público asistente. Novos estilos que tamén virán da man do artista Mondra que fusiona a música folk e a electrónica a través dun espectáculo moi visual que non deixará indiferente a ninguén.


Deste xeito, serán un total de 16 agrupacións as que estarán presentes nos Festivais da Empanada, unha cifra de récord que “simboliza unha clara aposta pola cultura, o que enriquece en grande medida á Festa da Empanada, facéndoa única”.


Os que tampouco se perden a 33 edición do Esmorga Folk serán agrupacións sen ánimo de lucro como a Asociación Cultural Xirandola da Bandeira, con máis de 35 anos ás costas sobre os escenarios, a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo cos seus grupos Raiola e Raeira, a Asociación Cultural Carballo da Manteiga que nace no ano 2015 en Lalín ou a Asociación Cultural A Pinguela de Bama creada en Touro no ano 2017. Todos estes grupos teñen entre os seus obxectivos a recuperación, a defensa e a promoción da cultura e as tradicións galegas.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O festival Esmorga Folk será totalmente gratuíto e ademais solidario. A directiva de Amigos da Empanada anima ás persoas asistentes a colaborar levando esa mesma xornada alimentos non perecedoiros que irán destinados a Servizos Sociais do Concello de Silleda co cometido de axudar a diversas familias en risco de exclusión social.


Por outra banda, no recinto haberá zona gastronómica e pulpería oficial entre outros servizos. Andrés Seoane, presidente de Amigos da Empanada quixo agradecer publicamente a colaboración do Concello de Silleda, de Luis Cerviño (creador do cartel) e de Helvetia, axencia de seguros con oficina na Bandeira e na Estrada e coa que se acaba de pechar un acordo de patrocinio que asegurará a continuidade dunha das citas culturais máis relevantes da contorna tras un encontro mantido con Alejandro García Ríos, CEO de Inversia Seguros.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page