O 13 de maio esta locadlidade acollerá a Festa da Privamera para os maiores
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa traballando de cara a aprobación do ansiado Plan Xeral para o municipio. Así, esta mesma semana tiveron lugar dous encontros destacados ca Administración Autonómica na recta final do procedemento. O alcalde, Manuel Cuiña, a concelleira de Urbanismo, Paula Fernández e o técnico redactor do documento, participaron en senllas reunións en Augas de Galicia e na Dirección Xeral de Urbanismo, para realizar os últimos axustes no planeamento.

“Agardamos que nos vindeiros meses o documento poida ser aprobado definitivamente”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando a importancia do PXOM para toda a veciñanza. Así mesmo, Cuiña agradece a dispoñibilidade e a coordinación amosada tanto dende Augas de Galicia como a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que dirixe Encarnación Rivas.
O PXOM de Silleda aprobouse inicialmente no ano 2012 e de xeito provisional no Pleno da Corporación en marzo de 2016. Pouco despois, unha sentenza do Tribunal Supremo que anulou os planeamentos de localidades como Verín e Monterrei, por non garantir a reserva de recursos hídricos, obrigou a reformular o documento, incluíndo a necesaria legalización das traídas municipais.
Por outra banda, o departamento de Benestar Social, que dirixe Ángela Troitiño, vén de organizar para o vindeiro venres día 13 de maio a Festa da Privamera para os maiores. A cita será no restaurante Coteliño, ás 14:00 horas, cun xantar e animación musical a cargo do Dúo Punto Zero.
O prezo é de 18 euros por persoa. Os interesados poden anotarse no Centro Social de Silleda ata o vindeiro día 10. A recuperación desta celebración é a antesala de diversas actividades que se poñerán en marcha nas vindeira semanas para o colectivo de maiores no municipio de Silleda despois da pandemia e das que se irán dando conta nos vindeiros días.
Comments