top of page
Foto del escritorecosdacomarca

NON TEN PUÑETEROS NADIES

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre a actual situación do mundo agrogandeiro


Antón Branco Vilariño/Lalín


Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.


Publicidade

NON TEN PUÑETEROS NADIES

Daniel Castro, patrón maior de Muxía, dixo esta frase, naquela semana na que saltou o escándalo da xestión dos pellets de plástico nas costas galegas. A Daniel, coma a moitos outros, fixérono saír diante dos medios de comunicación para soltar o conto que xa lles tiñan preparado: as bolitas non son perigosas e estase a danar o noso traballo. Daniel atrapallouse falando porque quixo xuntar ao ecoloxismo coa xestión da Lei de Amnistía e co bo que fora o parón biolóxico do Prestige para o peixe e o marisco ("Os percebes chegaban ao monte";, chegou a dicir), todo cunha única intención: non asumir a responsabilidade.

Eu de historias de mar pouco sei, pero algo si vou sabendo das historias de terra. Algo teño seguro, cada vez vexo máis Danieles Castro no campo. Persoas que, libremente escollen seguir vivindo na

súa aldea e continuar coa granxa familiar, mais que, co tempo, comezan a saír en programas de televisión ou en vídeos promocionais do rural para acabar engrosando as filas dun certo partido e

servindo de comerciais das súas ideas.


A min, cando menos, resúltame contraditorio. Recordo o que me contaba a xente de antes ("8 vacas? Esa era unha casa rica") e o que vexo hoxe en día: cada vez hai menos explotacións e as que hai tenden a ser máis grandes. Tamén vexo que o

modelo actual está obrigando a moita xente a endebedarse moito e que os cartos que se destinan para o sector primario teñen unha clara dirección: fomentar o modelo intensivo de grandes explotacións. Iso si, despois hai que vender as vacas ou o leite, e o beneficio destes produtos tende a ser cada vez menor e na cadea de distribución vemos como quen está entre o produtor e o vendedor leva case a tallada enteira.


No canto de coller aquel campo onde as explotacións eran pequenas e ilo actualizando para que o traballo fose asequible e dera para ir vivindo cada vez mellor, optouse por rachar con isto e meter, con calzador, un novo modelo que é o que, por desgraza, temos hoxe en día. Digo por desgraza porque temos que ver onde están os problemas e para min non están na divisón ruralita - urbanita ou ecoloxista - cazador e moito menos ten o lobo culpa de tanto como se lle bota enriba.


Publicidade

É evidente que o campo é crucial mais, considero que buscar a división por un puñado de votos, a longo prazo, vai resultar fatal para todo o mundo. Creo que temos que ser persoas sensatas e responsables, asumir o que nos toca e reclamar alá onde haxa que facelo.


Nesta liorta estase enriquecendo quen fabrica pesticidas, fertilizantes ou pensos, quen deseña as grandes maquinarias coas que se está a traballar, quen fomenta unha industria que produce en Lalín para vendelo en Atlanta ou quen sementa odios sobre aquelas persoas que só piden un pouco de coidado co que se fai.


Unha investigación da Comisión de Economía dos Sistemas Alimentarios cuantificou os custos ambientais, sociais e sanitarios ocultos do actual sistema agroalimentarios en 15 billóns de euros. Son moitos cartos os que non se están a ter en conta. No canto de falarnos mal e poñernos a discutir por quen ten máis ou menos razón conviría xuntarnos e buscar unha solución, unha saída común a este grave problema.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Комментарии


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page