top of page

Un coche sufre un accidente e métese dentro dun tanatorio e hai outros dous sinistros mortais en Galicia

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Ecos da Comarca/Xeral

Noite tráxica nas estradas galegas cun balance de dúas vítimas mortais e catro feridos graves, tal e como informa o 112 Galicia. En todos os casos foi necesaria a intervención dos efectivos de salvamento e rescate, pois tratábase de accidentes con persoas atrapadas.


O primeiro dos sinistros mortais produciuse pasada a medianoite en Sarria. Concretamente, na LU-546, ao paso por Betote. O vehículo implicado saíuse da vía e foise de cheo contra unha rotonda. Como consecuencia do impacto, o único ocupante do coche quedou atrapado e resultou falecido.


Para liberar a vítima, deberon actuar os Bombeiros de Sarria, e contaron coa colaboración dos axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico. Tamén acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que nada puido facerse pola persoa. Cómpre salientar que a alerta sobre este sinistro activouse no 112 Galicia tras recibir unha chamada e unha comunicación do sistema automático do propio vehículo. Esto último serviu para obter unha localización máis certeira do accidente.


Máis tarde, contra as catro da madrugada, produciuse o segundo accidente mortal. Quen alertou ao 112 Galicia foi un dos implicados. Dixo que tiña un pé atrapado e o seu compañeiro non respondía. Tamén neste caso, o coche no que viaxaban saíuse da vía e bateu contra un poste de formigón. Ocorreu na OU-301, ao paso por Lamas, en Xinzo.

Para liberar os ocupantes, avisouse aos Bombeiros de Xinzo. Sacaron unha persoa con vida, a muller, pero o home faleceu. 


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ademais dos efectivos do parque comarcal, interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico.


Por último, rexistrouse un accidente con feridos graves en Vimianzo. Foi pouco antes das once da noite pasada e, a máis dos danos persoais, producíronse moitos materiais: o coche con tres ocupantes no interior saíuse da vía e meteuse dentro dun tanatorio.

O coche accidentado no interior do tanatorio. Autor: Consorcio Contra Incendios e de Salvamento A Coruña:

Como consecuencia do impacto, dous mozos quedaron atrapados e tiveron que ser rescatados polos Bombeiros de Cee. Cando conseguiron liberados, foron evacuados en ambulancia xunto co terceiro ocupante. Todos en estado grave. A alerta sobre o accidente activouse no 112 Galicia logo dun aviso dos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e doutra chamada dun particular, que confirmou que o vehículo estaba dentro do tanatorio.


En canto á localización, o sinistro situouse na AC-441, ao paso por Baíñas, en Vimianzo. Alí acudiron tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page