top of page
Foto del escritorecosdacomarca

NO SOY DE AQUÍ, NO SOY DE ALLÁ

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre a seguridade e a inclusión


Antón Branco Vilariño/Lalín


Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre a a seguridade e a inclusión.

NO SOY DE AQUÍ, NO SOY DE ALLÁ


“Lalín é un sitio onde casi nunca houbo delicuencia importante. Polo tanto, cando hai calquera movemento algo distinto digamos que hai unha sensibilidade especial”. Estas foron as palabras do alcalde de Lalín nunha entrevista radiofónica, o 6 de xuño, referíndose ás pelexas que se están a producir nalgúns pubs de Lalín. Deixa claro aquí, o primeiro edil, que non é un problema relevante, senón que forma parte dunha “sensibilidade especial” e máis adiante describe o bo traballo das forzas de seguridade ao atallar outros altercados que xeraban medo na poboación.


O medo é un sentimento atroz porque nos converte en animais vulnerables, porque nos envolve dunha indefensión subxectiva e agrandada. Cando nos atopamos nesta situación somos presa de calquera, dende persoas benévolas ata embaucadores que buscan sacar un proveito. Nós só queremos quitarnos ese medo que nos vai metendo nun toco escuro e protector do que desexamos saír. E nesa pulsión acelerada aceptamos a man da primera persoa que nos libere.


“Eu quero deixarlle aos nosos fillos un Lalín seguro e, polo tanto, non vou a escatimar esforzos en que a xente que veña de fóra ten que comportarse como os que estamos aquí”. Dun problema de orde pública, o eterno candidato do PP de Lalín, levou o groso da preocupación á nacionalidade dos pelexantes. Interveño aquí para recordar un feito: a teu lugar de nacemento non determina o teu índice de criminalidade.


Publicidade


Se hai xente que comete crimes, contamos cun Código Penal e cunhas forzas de seguridade que operan en base a este; sen ambaxes, non escatimemos en esforzos policiais se o problema o require. O que non vou compartir é o discurso que acompaña, un moi cantado nos últimos anos que culpa de todos os males ás persoas migrantes, xente, de toda condición, que foxen do seu país por diversos motivos, sobre todo, guerra e fame. Foxen como fuxiron os nosos antergos, tan só co desexo de ter una vida digna e tranquila, nada máis.


Alguén se pregunta quen fai os traballos penosos en Lalín? Quen acepta condicións abusivas para poder levar uns cartiños á casa? Quen coida dos nosos maiores, traballa nas nosas granxas ou sostén o sector servizos? Que estrato da poboación traballa na economía somerxida, de xeito irregular, porque non lle queda outra e porque hai xente disposta a ofrecer estes “contratos”. Para min, a resposta é sinxela, xente que está no limiar da vida, de aquí ou de alá, sen idade nin xénero, persoas que comen arroz con algo moitas máis veces das que lle gustaría, mulleres que se alimentan unha vez ao día para que coman os seus fillos, homes que traballan máis de 12 horas en condicións leoninas por ter algo no peto e non ter que caer na beneficencia. E diante dunha parte moi relevante deles, crece, cada vez máis, o odio, o desprezo por seren quen son e intentaren subsistir. Aprovéitase un conato de violencia duns chavales para sinalar a todo un colectivo. Ante a situación propoño dúas alternativas, máis servizos públicos e maior inclusión.


Publicidade

Máis investimento en coberturas sociais, anticipación do problema da vivenda, consecución de inversión para xerar emprego, nesta onda europea de industralización e enerxía renovables, e tamén actos festivos, charlas e demais que involucren a un público que nunca aparece nas actividades de diversa temática que se organizan en Lalín. Por que non celebramos o Eid al-Fitr (Festa da Fin do Xaxún)? Pensemos: con canta xente de orixe norteafricano ou eslavo nos relacionamos, a canta lle fomos cear á casa, ou á voda, cantas amizades dos nosos fillos teñen unha cultura diferente á nosa. Unha sociedade que non se coñece está condenada a levarse mal. Fagamos un pequeño esforzo por saír dese odio infundado. Todo é tan sinxelo coma saído dunha cación de Facundo Cabral: “no soy de aquí, no soy de allá, no tengo edad ni porvenir, y ser feliz es mi color de identidad”.


Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page