No día mundial dos ríos denuncian os graves impactos da minaría sobre os ríos galegos
- ecosdacomarca
- 14 mar 2022
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Hoxe, 14 de marzo, Día Mundial de Acción na Defensa dos Ríos, Ecoloxistas en Acción xunto con Amigos da Terra, Enxeñería sen Fronteiras, Plataforma veciñal Mina Touro O Pino
Non, Fundación Montescola, Vida e ría ou minaría?, BerXallas, Plataforma SOS Suído,
Plataforma en defensa da Ría de Arousa, Cornado Mina Non, Beseño Mina Non e
veciñas e veciños afectados pola canteira “As Viñas” denuncian o lamentable estado
de moitos ríos galegos polos impacto gravísimo da minaría.
Mencionan en concreto O Rego do Lourido, o Río Seixo de Landoi, o Rego da Braña Ancha, o Río Brandelos, o Río Portapego, o Río Lañas, o Río Pucheiras, o Río do Burgo, o Río Xuvia, o Río Pesqueira son algúns dos ríos ameazados por explotacións extractivistas como minas de Landoi, no Vicedo, a mina de Varilongo, en Santa Comba, a mina de Viñas nas Somozas, a mina de Touro ou a mina de San Finx. Denuncian tamén que a administración galega agocha o estado real destas masas de auga coa localización das Estacións do Programa de Control Operativo, xa que moitas delas están colocadas a moita distancia do foco de contaminación.

"Ademais, a ausencia total de inspeccións e sancións, non permiten realizar un control axeitado da contaminación procedente de explotacións mineiras, como acontece nos ámbitos de afectación da Mina de Touro, a de Varilongo ou a de San Finx", recalcan.
As organizacións ecoloxistas e veciñais sinalan as deficiencias graves tanto na normativa
aplicada como no programa de medidas para mellorar as condicións de explotación e ó
mantemento dos aproveitamentos mineiros. "A isto súmanse os constantes atrancos que pon a administración galega para a participación das organizacións ecoloxistas e veciñais nas medidas de protección que poderían axudar á conservación das masas de auga no noso país".
Reclaman un xiro de 180º nas políticas ambientais da Xunta para facer fronte a esta enorme ameaza ambiental para ríos, regatos e mesmo o litoral e as ricas rías galegas. "Unhas masas de auga que día tras día sofren continuos episodios de drenaxe ácida de mina e filtración de lixiviados das explotacións mineiras".
Comments