Naturgy pon en servizo a nova Liña de Alta Tensión Irixo –Lalín para mellorar a calidade en Deza
- Laura Moure
- 8 may
- 3 Min. de lectura
A nova liña, de 21,5 quilómetros, inclúe o soterramento de máis de 4 quilómetros de liña eléctrica pola N-525, evitando calquera tipo de afección
Laura Moure/Lalín
UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, puxo en servizo a nova Liña de Alta Tensión (LAT) de 132 kV entre Irixo e Lalín, un proxecto clave para mellorar a calidade da subministración eléctrica na comarca de Deza. A infraestrutura permite dotar a Lalín dunha segunda fonte de alimentación, reforzando a seguridade e estabilidade do sistema eléctrico para os usuarios da zona.

A posta en marcha desta LAT, que conecta a subestación do Irixo, en Ourense, coa subestación de Lalín, supón un avance fundamental para garantir a subministración de enerxía eléctrica aos máis de 14.000 puntos de subministración da comarca. A nova liña permite pechar o circuíto de alimentación da subestación de Lalín coa de Irixo, garantindo unha subministración máis segura e estable en toda a comarca, que ata o de agora dependía dunha única liña de 66 kV conectada á subestación de Chantada. O proxecto dunha segunda fonte de alimentación a Lalín foi unha demanda histórica do Concello de Lalín.
Publicidade
A nova LAT Irixo – Lalín, de 21,5 quilómetros, optimiza o trazado á súa chegada a Lalín co soterramento de 4,3 quilómetros de liña ao longo da estrada N-525, evitando así calquera afección á zona de Casas Vellas e reducindo o impacto ambiental e social da infraestrutura. Con esta actuación, UFD reafirma o seu compromiso coa comarca de Deza, "garantindo a compatibilidade entre o desenvolvemento das súas instalacións e o respecto pola contorna e a comunidade".
UFD tamén levou a cabo a repotenciación da subestación de Lalín, que incluíu a instalación dun novo transformador 132/20 KV de 30 megawatts. Para a delegada de UFD en Pontevedra, María Luisa Álvarez, “esta actuación non só garantirá a continuidade da subministración ante posibles incidencias na rede actual, senón que tamén asegurará o crecemento futuro da comarca, proporcionando a capacidade necesaria para afrontar novas demandas enerxéticas nos concellos de Deza.”
Presenza de UFD en Pontevedra e en Galicia
UFD xestiona na provincia de Pontevedra 4.800 quilómetros de rede de alta e media tensión, 11.800 quilómetros de rede de baixa tensión, 31 subestacións, 5.000 centros de transformación e dá servizo a máis de 515.000 puntos de subministración. En Galicia, a distribuidora eléctrica de Naturgy dá servizo a máis de 1,5 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias a través dunha rede de máis de 60.000 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión. A distribuidora eléctrica investiu 206 millóns en 2024 na dixitalización e mellora da súa rede e infraestruturas en Galicia. Só no últimos cinco anos, o investimento de UFD alcanzou os 800 millóns de euros para reforzar as súas infraestruturas en Galicia, co foco posto na mellora da calidade de servizo aos seus clientes.
Publicidade
UFD fixo un importe esforzo nos últimos anos en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol e sensorización das redes, así como no robustecimiento das infraestruturas e integración das redes de comunicación e sistemas de información coa rede convencional para optimizar a súa explotación. A compañía inclúe cada ano no seu plan de investimentos actuacións e iniciativas para potenciar as infraestruturas de subministración de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente en zonas rurais, contribuíndo ao desenvolvemento económico destes territorios e á mellora das súas condicións de vida.
Comentarios