Natalia Prieto explicou en Silleda as axudas para adquisición de maquinaria para previr os lumes
- Laura Moure

- 27 mar
- 3 min de lectura
A directora xeral de Administración Local deu a coñecer en ‘ExpoMunicipal’ que esta medida está cofinanciada con fondos europeos Feder e vai dirixida a entidades locais
Laura Moure/Silleda
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou onte nunha das xornadas técnicas da segunda edición de ExpoMunicipal 2026, que se celebra en Silleda ata hoxe, para explicar as liñas de axudas da súa dirección xeral, entre elas unha nova orde de 1 millón de euros cofinanciada con fondos europeos Feder e dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes para a adquisición de vehículos e maquinaria vinculada á prevención de incendios forestais. Como detallou, trátase de vehículos e maquinaria para mantemento e limpeza preventiva das contornas da rede viaria municipal, maquinaria forestal lixeira, así como a destinada a traballos complementarios das tarefas forestais de prevención.

Na súa intervención, Natalia Prieto destacou ademais que este ano medrará a contía do
fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) para proxectos de carácter estratéxico, ao pasar dos 8,5 millóns de euros a 10 millóns co obxectivo de dar resposta á
demanda das entidades locais para levar a cabo actuacións de transcendencia
supramunicipal que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos
e a transformar outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente.
A directora xeral de Administración Local sinalou que, entre as liñas de axudas previstas
para este exercicio, inclúese o Fondo de Compensación Ambiental, cunha dotación de
11,2 millóns de euros para apoiar os concellos na mellora do medio natural a través de
accións a prol da biodiversidade, o coñecemento dos recursos naturais, a recuperación da
contorna ou a eficiencia enerxética. Tamén se publicará -engadiu- unha nova Orde de
infraestruturas de uso público, cunha partida de 3,5 millóns de euros co obxectivo de axudar aos concellos a reformar os edificios, instalacións ou espazos da súa titularidade. A
estas liñas súmase outra convocatoria para a contratación de auxiliares de Policía Local en
municipios turísticos durante a tempada de verán, cunha dotación de 145.000 euros.
PUBLICIDADE

Nesta liña, Natalia Prieto incidiu en que o compromiso da Xunta coas entidades locais
acredítase cos case 600 proxectos financiados o ano pasado a través das axudas da
Dirección Xeral de Administración Local coa distribución de máis de 37,5 millóns de euros.
Ademais, aclarou a directora xeral, se se engade o apoio aos colectivos veciñais as
actuacións financiadas en 2025 foron case un milleiro. De feito, a convocatoria deste
exercicio desta orde para asociacións de veciños e de mulleres rurais e comunidades de
usuarios de augas xa vén de publicarse por 3 millóns de euros.
Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño,
participou na inauguración da xornada técnica sobre os plans locais de economía social,
unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que se está estreando
de xeito piloto en Baiona e Ribadavia. O obxectivo é acompañar os concellos na definición
de estratexias locais adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas
dotándoas de ferramentas e de asesoramento especializado para converter a economía
social nun eixe estratéxico de desenvolvemento. Un desenvolvemento que, engadiu,
favorece o emprendemento colectivo, a creación de emprego estable, a contratación
responsable e o fortalecemento do tecido produtivo.
ExpoMunicipal 2026
Ambas as xornadas enmárcanse na segunda edición da Feira galega de servizos municipais, ExpoMunicipal 2026, que se está a celebrar desde onte e ata mañá no recinto
da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda, coincidindo coa quinta edición de
Enerxétika.
Publicidade
O evento amosa nunha superficie de máis de 4.100 metros cadrados netos con 68 expositores de catro países que representan a 239 firmas expositoras de 18 países as
últimas tecnoloxías, produtos e servizos máis eficientes que calquera entidade local poida
necesitar para a súa xestión municipal e na prestación dos seus servizos. Tamén supón un
un foro de reflexión e debate sobre temas de actualidade no ámbito da xestión municipal, a
través dun amplo programa de xornadas, talleres e demostracións. Na xornada de hoxe,
ademais destas dúas xornadas técnicas Cogami Empresarial aborda o papel dos hortos
urbanos, a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) a xestión municipal
de residuos e Zerovelutina o trampeo avanzado contra a vespa velutina.
A programación complétase cos talleres Reencantarnos coa noite, organizados pola
asociación Slowlight, no marco dun proxecto pedagóxico para concienciar aos nenos e
nenas sobre a importancia do uso responsable da iluminación artificial nocturna, o que
reflicte o compromiso da feira coa educación e a conciencia ecolóxica.







Comentarios