top of page

'Nadal en Rede', o programa de dinamización lingüística da Xunta, chegará a Rodeiro e Lalín

É unha iniciativa que leva actividades para o público familiar


Laura Moure/Deza

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou onte a programación dunha nova edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta de Galicia que arranca este venres e levará actividades para público familiar a unha vintena de concellos, entre eles Lalín e Rodeiro.


O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que na edición deste ano apóstase por actividades dirixidas aos máis pequenos da casa. “Os cativos son sempre os que máis gozan destas datas de celebración e por iso quixemos pensar en eles no deseño do programa”. “E, coma sempre, imos da man de artistas, profesionais e empresas de recoñecido prestixio que teñen na lingua propia de Galicia a base da súa creatividade”, engadiu.

A primeira das actividades será este venres no centro social de Pontecesures coa proposta Fazulas e o ladrón de paraugas. Trátase dunha iniciativa da compañía teatral Bandullo Azul, protagonizada por Fran Campos e baseada no libro homónimo de Xosé Lueiro, do que o concello receptor da actividade recibirá cinco exemplares. O espectáculo conta a viaxe iniciada por Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, na súa teima por saber de que cor é o vento. Para darlle resposta a ese misterio, emprenderá unha fantástica aventura collido á empuñadura dun paraugas.


Esta peza que trata de sensibilizar a cativada sobre temas como a violencia machista ou os conflitos bélicos pasará tamén polos concellos de Campo Lameiro (sábado 17), Salceda de Caselas (mércores 21), Poio (xoves 22), Vigo (venres 23), Foz (mércores 28), Rodeiro (mércores 28), Valdoviño (xoves 29), Laracha (venres 30) e Lalín (venres 30).

A programación inclúe tamén o contacontos O Apalpador e os Monifates, unha proposta do máis orixinal e divertida que combina o contacontos arredor dunha figura senlleira do Nadal galego coa música e os monicreques danzantes, un tipo de títere tradicional recuperado pola compañía Os Monifates, responsable do espectáculo. Poderá verse o domingo 18 en de Malpica de Bergantiños, o venres 23 en Boiro, o sábado 24 no Porriño, o mércores 28 en Cospeito e o venres 30 en Carballedo.

Por último, a edición deste ano tamén contempla un concerto didáctico-sensorial para bebés de 0 a 3 anos no que a actriz Cristina Collazo, a través de pezas musicais orixinais do compositor Manuel Paino, realiza unha viaxe de descuberta polo corpo curioso dos nenos e das nenas (desde os seus dediños que exploran a natureza ata a sorpresa da auga na súa cara). A finalidade é que os cativos deixen voar a súa imaxinación e, con ela, saian a percorrer o mundo.

A iniciativa contará don sesións dobres nas localidades de Ribeira, o sábado 17; Narón, o mércores 21; O Carballiño, o venres 23; Monforte de Lemos, o martes 27, e O Barco de Valdeorras o xoves 29 de decembro.


Toda a información sobre o programa e o calendario de actividades está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page