Afectados solicitan que o Concello agoladés abra unha oficina con persoal que lles facilite asesoramento técnico (xurídico, urbanístico e medioambiental)
Ecos da Comarca/Agolada
A Liña de Alta Tensión AV Farelo-Portodemouros de 132KV publicada no DOG de data 6 de novembro de 2024, atravesa 9 parroquias do concello de Agolada. Nalgunhas parroquias (caso do Lugar de Quintela en Brocos) a distancia da liña ás casas é incluso menor de 50 metros. Tamén na propia parroquia de Brocos atravesa o espazo da Rede Natura Sobreiral do Arnego. "Nestes días as persoas afectadas estamos mantendo reunións nas parroquias e acudindo ao Concello de Agolada para informarnos sobre a afección dese proxecto nas nosas casas e ás nosas propiedades sen que se nos facilite por parte do Concello suficiente información nin planos que aparecen publicados do diario oficial, sentíndonos faltos de información e indefensos ante a ameaza desta liña de alta tensión", sinalan veciños afectados.
Así mesmo, solicitan que se poña á disposición da veciñanza afectada con propiedades neste municipio unha oficina do Concello de Agolada con persoal para asesoramento técnico (xurídico, urbanístico e medioambiental), "o que levaría ao señor alcalde a cumprir
unha das súas promesas dende a súa primeira toma de posesión no seu cargo, sen que ata o momento nunca se materializase".
Publicidade
Así mesmo adiantan que "estamos a organizarnos e crear unha Coordinadora de Afectados co obxecto de defender os nosos intereses. Neste senso imos ter unha xuntanza na parroquia de Brocos o vindeiro luns ás 18 horas, no local de piragüismo á que van acudir avogados do Sindicato Labrego Galego para asesorar á veciñanza afectada".
留言