"A empresa non pode realizar un despedimento baseado única e exclusivamente polas causas económicas derivadas do coronavirus se se atopa nun ERTE"
Fátima Amboage Santos
Entrevista á avogada melidense Fátima Amboage Santos
Laura Moure/Melide
A declaración do estado de alarma e as distintas medidas que se están levando a cabo para frear a pandemia do coronavirus obriga a analizar a regulación constitucional e legal. Ademais, ao redor desta situación, nova para todos, xorden moitas dúbidas. Hoxe a avogada Fátima Amboage resolve algunha delas.
1. Coa chegada da pandemia, cales son as consultas que máis se están facendo?
Dende logo laborais. A preocupación da gran crise que está supoñendo a Covid-19 fai que todo o mundo estea, esteamos, máis agobiados pola nosa situación laboral. Os ERTES, os despidos por causas obxectivas, a concesión de axudas ou os motivos polos cales non se conceden… e, sobre todo, fun contaxiado por Covid ou estiven en contacto cun positivo: canto vou cobrar? É unha situación anómala e estresante que nos preocupa a todos xa que, aínda que agora nos atopemos nunha situación estable no noso traballo, por exemplo, nunca sabemos cales son as consecuencias de atoparnos en situación de incapacidade temporal, en ERTE, etc.
2. Ante esta situación, nova para todos, estase recorrendo moito ao teletraballo. Todos temos dereito a teletraballar?
A posibilidade de teletraballar non é unha opción en calquera sector profesional. Deben darse unha serie de características que son as que permiten o traballo remoto; porén, significa iso que todo empregado que reúna as condicións para traballar a distancia, isto é, principalmente, que a actividade poida levarse a cabo dende un ordenador, pode facelo? Pois a resposta é a seguinte: Como indica o Estatuto dos Traballadores, para poder teletraballar, sinala que é preciso un contrato escrito no cal se regule tal posibilidade. Con todo, o Real Decreto 6/2019 de 1 e marzo, recoñece o traballo a distancia como unha posibilidade para que os traballadores poidan conciliar mellor a vida laboral e privada. Estes poderán solicitar traballar nun modelo de traballo a distancia ata que os fillos cheguen á idade de 12 anos. As condicións establécense na negociación colectiva ou, no seu defecto, nunha negociación entre a empresa e o solicitante, tras o que esta debe comunicar a aceptación ou o rexeitamento da petición, sempre por escrito. Logo , durante a pandemia da Covid-19, co obxectivo de frear a expansión do virus, moitas empresas optaron por esta modalidade de traballo para non ver interrompida a súa actividade. Mais, como se atopa a situación do teletraballo na actualidade? Por fin, temos un Real Decreto lei 28/2020 de 22 de setembro de traballo a distancia, onde atopamos perfectamente definidos os dereitos e deberes de toda persoa que teña opción de poder acceder a esta modalidade.
3. Pódese despedir polo impacto do coronavirus?
A resposta é negativa: A empresa non pode realizar un despedimento baseado única e exclusivamente polas causas económicas derivadas da Covid se se atopa nun ERTE. Isto débese ao “mantemento do emprego”. A cláusula de salvagarda ou de mantemento do emprego é unha medida que afecta a aquelas empresas que realizaron un ERTE por forza maior ou por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción (ETOP) e que se beneficiaron de exoneracións de cotas á seguridade social para que manteñan o emprego durante un prazo de seis meses dende a data de reanudación da actividade trala aplicación dos ERTES.
Se ben, de contrario non se considera incumprido esta salvagarda de mantemento do emprego cando o contrato de traballo se extinga por despido disciplinario declarado procedente, como dimisión, morte, xubilación, e inclusive cando o contrato se extinga por expiración do tempo que se pactou. Por exemplo, non se incumpren nos contratos temporais finalizados de maneira procedente: caso de interinidade no que se está cubrindo unha baixa por maternidade e a persoa traballadora volve da mesma.
4. Cal é a consecuencia de incumprimento do mantemento de emprego?
A consecuencia do incumprimento deste compromiso supoñerá para a empresa a obriga de devolver a totalidade das exoneracións percibidas pola empresa, non só do traballador ou traballadores dos que incumpra, senón a de todos os traballadores implicados co recargo do 20% e os intereses que se xeren ata a data da devolución.
5. Está habendo moitos despidos improcedentes?
O certo é que si. Respecto do mantemento do emprego, hai excepcións xa que diversos tribunais admitiron o despido dun traballador por causas obxectivas estando vixente un ERTE. Porque motivos se estima este despido? As consecuencias económicas e devastadoras da Covid fan que sexa moitas veces imposible poder seguir co mantemento do emprego. Como unha PIME, despois dun ERTE de suspensión de emprego, pode seguir contratando a unha persoa que non pode pagar? Pois esta foi a primeira sentencia que respondeu a esta situación nun sentido contrario respecto da salvagarda do mantemento do emprego. Non todas as empresas, como estamos vendo, poden soportar esta situación.
6. Que facer se me denegan un ERTE ou non estou da cordo coa prestación aprobada?
Se unha persoa non está de acordo coa resolución de aprobación da solicitude de prestación do desemprego pode presentar unha reclamación previa ante o SEPE, é dicir, o Servizo Público de Emprego Estatal, no prazo de 30 días dende a notificación da resolución sobre a prestación solicitada.
A reclamación debe presentarse por escrito e debe conter: o nome, os apelidos, a identificación persoal así como a dirección a efectos de notificacións, o acto que se recorre e o motivo da súa impugnación así como o lugar, a firma e o órgano ao que se dirixe a reclamación. O SEPE debe responder á reclamación no prazo de 45 días; e no caso de que non obteñamos resposta, a solicitude entenderase desestimada por silencio.
7. Canto vou cobrar se me atopo de baixa por positivo? É a mesma situación que se me atopo en contacto cun positivo?
O Real Decreto Lei 6/2020 de 10 de marzo, considera como situación asimilada a accidente de traballo, de maneira excepcional e unicamente a efectos da prestación económica, tramitada como enfermidade común, aqueles períodos de : persoas de baixa médica por Covid19; persoas que deben estar en illamento por ser contactos directos de persoas diagnosticadas de Covid19. A contía da prestación será equivalente a unha prestación de incapacidade temporal derivada de accidente laboral. Por tanto, percibirase un 75% da base reguladora diaria, dende o día seguinte á baixa médica; porén é importante facer referencia que esta porcentaxe pode ser complementada ao 100% (ou na porcentaxe que se estableza) no convenio colectivo. Entón ollo! Debemos estar moi atentos ao disposto no noso convenio colectivo de aplicación. A pesar de ser expedidos como enfermidade común serán tratados, só a efectos económicos, como presupostos derivados de accidente de traballo.
Comments