Na Aula de Educación de Persoas Adultas de Arzúa convive unha ducia de nacionalidades
- Laura Moure
- 12 nov 2022
- 2 Min. de lectura
"O alumnado síntese acollido, cómodo e iso nótase nos resultados académicos que ano tras ano roza o 100% dos mozos que se titulan e acadan o ansiado título da ESO", recalca o responsable da mesma, Luis Vázquez
Laura Moure/Arzúa
Na Aula de Educación de Persoas Adultas do Concello de Arzúa, Andreea, Damiana, Hassel Magaly, Juliana, Mavy, Navia Caridad, Yosmany e Diana Vanessa son nomes que se suman a unha longa listaxe na que tamén están Carmen, José, Manuel ou María. Unha mostra da diversidade deste micro colexio no que convive unha ducia de nacionalidades, diferentes culturas, relixións e costumes. Un desafío que aforntan multitude de institucións de ensino e que poden plantexar problemas, pero na opinión de Luis Vázquez, responsable da aula, “traballar cunha diversidade tan grande é un valor engadido, principalmente enriquece, sobre todo ao alumnado máis xoven e ofrécelle unha visión global, aberta e máis realista do mundo en que vivimos”.

“O problema máis evidente da diversidade é o idioma xa que unha persoa non pode aprender se non sabe falar e escribir correctamente. A miúdo estou a correxir o xeito de falar do alumnado proveniente de Latinoamérica, pero non o seu acento, xa que esa non é a cuestión, pero se non saben como se pronuncia unha palabra é máis difícil que saiban como se escribe”, explica Vázquez.
Un soño deste profesional do ensino é crear unha “aula de enlace” para o alumnado que chega sen saber falar galego e castelán. Nesta aula, o obxectivo principal, tal e como indica, non sería o currículo, senón que o alumado poida desenvolverse ben para despois acceder ao resto dos contidos que están agrupado en ámbitos didácticos onde todo o que se fai, faise dentro da clase. "Un modelo de aula cooperativa multitarea no que as ferramentas tecnolóxicas están sempre presentes".
Na Aula de Educación de Persoas Adultas do Concello de Arzúa "o alumnado síntese acollido, cómodo e iso nótase nos resultados académicos que ano tras ano roza o 100% de alumnas e alumnos que titulan e acadan o ansiado título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria", recalca Vázquez.
Comments