top of page

Multitudinaria manifestación en Compostela en defensa da lingua galega

Estivo convocada pola plataforma Queremos Galego e contou co respaldo de moitos colectivos e de moita xente que se acercou de distintos puntos da xeografía


Ecos da Comarca/Xeral

O pasado domingo, coincidindo tamén co Día de Rosalía, tivo lugar en Compostela unha manifestación en defensa da lingua galega. Estivo convocada pola plataforma Queremos Galego e contou co respaldo de moitos colectivos e de moita xente que se acercou de distintos puntos da xeografía.

Asistentes á manifestación na defesna do galego o pasado domingo en Compostela. Autor: Ecos da Comarca.
Asistentes á manifestación na defesna do galego o pasado domingo en Compostela. Autor: Ecos da Comarca.

A multitudinaria manifestación que percorreu as rúas de Compostela, dende a Alameda ata o Praza do Obradoiro, clamou contra a “emerxencia lingüística” que está a vivir o galego e contra a “a mentira, a vergoña e a manipulación” da Xunta de Galicia, con respecto á situación do noso idioma.


“Temos un goberno capaz de chamarlle bilingüismo cordial a que, segundo os datos oficiais, o 32% de menores de 15 non saiban falar galego”, lamenta Marcos Maceira, voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego, “a que o 70% de crianzas que entran na escola falando galego saian falando español, a que o galego estea prohibido en varias materias no ensino e con restrición de porcentaxes, a que só o 0,9% da oferta televisiva sexa en galego, que só o 0, 6% dos xoguetes estean en galego ou que o uso na xustiza sexa inferior ao 1%”.

O voceiro da plataforma de defensa da lingua é moi crítico coas comisións nomeadas pola Xunta, “sen participación das entidades de cada sector do PXNLG que deberían ter presenza se realmente se quer mudar algo”. “O único e verdadeiro pacto pola lingua está hoxe aquí”, afirmou Maceira, “miles e miles de persoas orgullosamente galegas, centos de colectivos sociais e ducias de concellos xa constituíron plenarios de Queremos Galego”.


“A nosa conciencia e a nosa acción impedirán que enterren o galego”, abunda, “pódese sumar quen quixer, non poñemos máis condición que a do compromiso coa normalización e o futuro do noso idioma”.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“A Xunta e Rueda saben como rectificar”, remata Maceira, “propuxemos uns puntos mínimos baseados en acordos unánimes xa existentes que a Xunta debe cumprir, e medidas urxentes que se debe aplicar para o ensino, a cultura, os servizos públicos e as actividades comerciais sen máis dilacións”. “Se quere sinceramente un proceso para aplicación doutras medidas debe facelo cun proceso transparente, plural e participativo, sen exclusións e por suposto, mostrando verdadeira vontade de aplicación”.


A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, agradeceu o “traballo impagábel de centos de persoas, de colectivos sociais e organizacións de todo tipo para garantir o éxito desta manifestación e tamén dos máis de 20 plenarios celebrados ao longo e largo do país”, o que permitiu romper “o cerco mediático”. Armas recordou, tamén, que a manifestación contou coa presenza da representación da Plataforma per la Llengua dos Países cataláns, co seu secretario xeral Francesc Marco e de Euskalgintzaren Kontseilua, coa súa secretaria xeral Edurre Eskizabel, vicepresidenta da Rede Europea pola Igualdade das Linguas que denunciou estes días o comportamento estrafalario do presidente da Xunta, o único do Estado incapaz de defender a súa lingua en Europa. “Afortunadamente”, rematou Celia Armas, “onte mesmo en Bruxelas tamén houbo galegas e galegos manifestándose pola lingua. Se non actúa o presidente da Xunta, alí estará Queremos Galego para facelo!”


Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page