Multitudinaria Foliada de Melide que cumpríu a súa maioría de idade
- Laura Moure

- 29 abr 2025
- 2 min de lectura
Fol da Chousa de Visantoña (Santiso) foi a agrupación gañadora do Concurso de Cantos de Taberna
Laura Moure/Melide
A XVIII Foliada de Melide celebrouse durante a fin de semana do 26 e 27 de abril, xuntando novamente na vila milleiros de persoas para celebrar dous días de festa e cultura. A completa programación e a diversidade das actividades volveron congregar veciñanza e visitantes de toda Galicia nunha edición coa que o evento acada vinte anos de existencia plenamente consolidado. Tratouse, ademais, dunha Foliada especialmente emotiva por ter decidido a Real Academia Galega dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral galega e ás cantareiras.

O domingo, a actuación de Mercedes Peón púxolle o broche a un programa que apostou novamente pola nosa identidade e cultura. O espectáculo da Xira Ingrávida de Peón fixo vibrar a vila con sons rescatados das entrañas do noso país. Foi o cumio dun programa de dous días onde non faltaron a tradicional mostra de artesanía, o certame de cantos de taberna nin, por suposto, o serán, a gran celebración arredor da que naceu a Foliada hai dúas décadas. Os pasarrúas foron tamén parte fixa da paisaxe local durante os dous días de celebración. Coanhadeira e Carapaus foron os grupos encargados de pechar a xornada do sábado con senllas e concorridas actuacións na Praza das Coles.
No veterano concurso de cantos de taberna, nesta ocasión, fixéronse co premio as agrupacións Fol da Chousa (Visantoña, 1º premio), Dakidoasma (de Chantada, 2º premio)
e os melidaos Palleteiros da Tranca (3º premio).
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, salientou que esta festa é unha proba do compromiso do Concello de Melide “coa música tradicional e a cultura galega”, ademais
de cunha lingua que está a vivir “momentos moi frouxos”. O rexedor tamén desexou “moitos anos” para a festa no futuro. Pola súa banda, a concelleira Carmen Liñeira referiuse á Foliada como “a festa do pobo de Melide”, que fixo súa esta festa. “A chave desta foliada é que existe un relevo xeracional, e fillos, pais e nais xuntámonos para desfrutar da música galega”, destacou.
Publicidade
A edil tamén quixo salientar como a Foliada quere honrar a figura das cantareiras neste 2025, tan especial pola celebración das Letras Galegas. Liñeira salientou a intensa programación da Foliada, que conta con obradoiros de baile, actividades para todos os
públicos e concertos, ademais do serán, que fan desta cita unha das máis completas no panorama musical tradicional.
18º Edición da Foliada
A Foliada de Melide naceu en 2005 organizada pola Asociación Cultural e Musical O Castelo e vinculada aos seráns tradicionais celebrados na vila. Medrou progresivamente, con ducias de voluntarios que cada ano colaboran activamente, de maneira fundamental e insubstituíble, para a realización do evento. Dende 2022, é o Concello de Melide o encargado de seguir celebrando unha Foliada que sitúa a vila con rotundidade no mapa da cultura do país. NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO COMPLETO DA FOLIADA.







Comentarios