Laura Moure/Silleda
A veciñanza da Bandeira (Silleda) espertaba cun bo susto esta semana. Os portais e os buzóns dunha gran parte dos edificios e casas da vila recibían a visita da Asociación Amigos da Empanada a través dunha falsa multa. Para ser máis exactos, o documento foi achegado pola Xefatura Provincial das Festas de Pontevedra dependente do Ministerio da Empanada do Goberno da Bandeira e contén unha sanción económica de 300 euros por un vehículo, modelo Empanada Twingo, que se espetou contra o empanadín situado na Carballeira de Silva.
A continuación, a nota informativa tranquilizaba aos lectores co seguinte texto:
"Veña! Xa podes respirar porque esta falsa multa da DGT é só unha nota informativa para recordarche que este ano a Festa da Empanada vai ter comida e cea.
Si, si! Este ano a festa xa vai comezar pola mañá co seu concurso, pregón, subasta e ademais unha gran comida pero non te preocupes porque á noite tamén haberá a cea de peñas de toda a vida.
Se algo che gusta, por que non facer que dure máis? Vémonos o 19 de agosto!"
Deste xeito tan chamativo, Amigos da Empanada da por comezada á súa campaña de promoción da 47 edición da Festa dá Empanada que, como novidade, contará cunha comida de peñas ademais da súa tradicional cea. O concurso de empanadas e o pregón terán lugar antes da comida e as actuacións musicais opcuparán tanto a tarde coma a noite da xornada festiva. Trátase dun cambio horario proposto por persoas asociadas nunha mesa de debate organizada pola entidade cultural e ratificado en Asemblea Xeral de Socios.

Commentaires