A asociación conmemora 10 anos traballando polo empoderamento feminino no rural galego
Laura Moure/Melide
“Mulleres de Seu” é unha asociación impulsada en 2013 pola cooperativa agrogandeira
CLUN para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e
persoal das mulleres no rural. É un grupo interxeracional de mulleres gandeiras, integrado
por socias de CLUN que viven e traballan en zonas rurais dos concellos de Ames, Ribadeo e Melide. Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro), poñen en marcha unha serie de actividades para conmemorar o seu 10º aniversario.
O empoderamento das mulleres rurais
“Os nosos grandes obxectivos son empoderar e motivar ás mulleres rurais para fomentar
o seu liderado, traballar pola visibilidade e o recoñecemento do papel das mulleres no
ámbito rural. Buscamos a igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e
mulleres. E tratamos de contribuír á transformación do rural como motor de
emprendemento e innovación, como un medio sostible e como un lugar onde vivir e
traballar”, manifesta Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa CLUN e presidenta
de “Mulleres de Seu”.
Rodríguez sinala que, para conseguir os seus obxectivos “formamos profesionalmente ás
mulleres como empresarias e gandeiras, tratamos de sensibilizar á sociedade para mudar
estereotipos de xénero e avanzar no camiño da igualdade e a responsabilidade social,
impulsamos a presenza feminina na vida cooperativa e nos cargos de responsabilidade e
representación, ao tempo que atendemos o aspecto emocional das mulleres como unha
vía relevante para axudalas a cumprir as súas aspiracións”.
Publicidade
Un plan de formación para mellorar o desenvolvemento persoal das mulleres
“Mulleres de Seu” celebra o seu 10º aniversario poñendo en marcha un novo plan de
formación para o período 2023-2024 baixo o lema Para Nós, unha serie de talleres
persoais e de autocoidado cos que se pretende mellorar o benestar físico e emocional das
mulleres, reforzar o seu traballo diario de empoderamento e potenciar o seu
recoñecemento profesional como mulleres rurais. Nesta liña, abordaranse aspectos como
a nutrición, a beleza, o mindfulness… “Nacemos para visibilizar a presenza e a
profesionalidade das mulleres na gandería, dando importantes pasos ao longo destes
anos, e agora traballamos polo noso empoderamento a través do desenvolvemento
persoal”, indica a presidenta de “Mulleres de Seu”.
Con motivo do 10º aniversario, a través das redes sociais de CLUN (Instagram, Facebook e
TikTok) vanse difundir historias das mulleres da asociación, unha nova sección titulada Mulleres gandeiras de CLUN que formará parte das redes da cooperativa con novas
entrevistas cada mes. Ademais, durante uns días, a nova canle de TikTok da cooperativa
estará en mans de Lucía Casal, unha moza influencer gandeira, socia de CLUN e membro
de “Mulleres de Seu”, tiktoker con preto de 15.000 seguidores que recibiu este ano o
Premio Nacional de Juventud na categoría de Medio Ambiente -un galardón que concede
o Instituto de la Juventud en España (Injuve), dependente do Ministerio de Asuntos
Sociales y Agenda 2030-. Desde a súa granxa familiar de vacas, situada nunha aldea de
Melide, amosa cada día como é o seu oficio, achegando o traballo das mulleres gandeiras
á poboación máis nova.
Xuntanza de Mulleres Rurais
Ademais, este domingo 15 de outubro, con motivo da celebración do Día da Muller Rural,
a asociación “Mulleres de Seu” reunirase en Melide no encontro de Mulleres Rurais
organizado pola Asociación Alecrín. Este evento servirá como homenaxe ás traballadoras
do rural e contará con institucional, acollendo a personalidades como Susana López
Abella, conselleira de Emprego e Igualdade ou Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira do
Medio Rural.
Publicidade
Loitas e recoñecementos
Ao longo destes anos, representantes de “Mulleres de Seu” levaron as súas demandas a
Bruxelas, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia. E teñen recibido importantes recoñecementos ao seu labor como o Premio á Igualdade de Oportunidades
por parte de Cooperativas Agroalimentarias de España; o Premio pola Innovación da
Muller no Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); a Medalla Emilia
Pardo Bazán da Xunta de Galicia, un recoñecemento público polas accións realizadas en
Galicia que contribúen á defensa da igualdade; e o Premio Muller Agro, que outorgan
Siete Agromarketing e Comercio Agrario, un premio moi especial para a asociación dado o
gran recoñecemento que desde a Consellería fixeron polo traballo que realizan en
“Mulleres de Seu”.
Comments