Con esta adhesión xa son nove os concellos das comarcas que reciben esta distinción
Laura Moure/Xeral
A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) firmaron en outubro de 2017 un convenio de colaboración para a creación dos Concellos Emprendedores. Esta iniciativa, enmarcada dentro da nova Lei de implantación empresarial, ten como obxectivo contribuír á captación de investimentos para a comunidade galega. Dentro das comarcas, como xa publicamos en ECOS DA COMARCA o pasado outubro, nas Comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa había oito concellos emprendores, pero recentemente sumouse a esta listaxe Monterroso.
"O concello de Monterroso xa é un concello emprendedor logo das xestións realizadas, modificacións de ordenanzas e adaptacións á normativa. Polo tanto, unha oportunidade para captar inversores e emprendedores e para facilitar a ampliación dos existentes con bonificacións de impostos e axilización administrativa, logrando a reactivación económica", sinala a administración local.

Para ser Concello Emprendedor é preciso comprometerse a achegarlles ás empresas e aos/ás emprendedores/as:
Máis simplificación administrativa: bonificacións de ata o 95 % no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes.
Máis facilidades de acceso a solo industrial: concesión das licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais desde que dispoñen de todos os informes.
Máis incentivos fiscais: bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no seu municipio.
A cambio, a Xunta de Galicia dará prioridade aos Concellos Emprendedores en ordes de axudas que se convocan en réxime de concorrencia competitiva para impulsar o emprego, o emprendemento, o comercio local ou proxectos relacionados coa Industria 4.0. En concreto, inclúe un criterio específico no que o baremo de puntuación supoña, polo menos, o 20 % do total.
Así dentro das comarcas son considerados Concellos Emprendedores:
Comarca de Deza: Agolada, Dozón, Lalín, Silleda e Vila de Cruces.
Comarca Terra de Melide: Melide.
Comarca da Ulloa: Antas de Ulla, Palas de Rei e agora Monterroso.
Opmerkingen