top of page
Foto del escritorLaura Moure

Monterroso opta a fondos europeos cun plan estratéxico de apoio ao comercio local por 652.775 euros

É unha iniciativa moi ambiciosa que busca mellorar a eficiencia enerxética, a sostenibilidade, a descarbonización, a economía circular, o aproveitamento dos recursos e a dixitación da cadea de valor


Laura Moure/Monterroso

O Concello de Monterroso vén de presentar un proxecto de apoio á actividade comercial que se engloba dentro dunha liña de fondos europeos de recuperación Next Generation para apoio ao comercio local en zonas rurais de menos de 5.000 habitantes por un importe de 652.775,37 euros. Trátase dun plan estratéxico e de desenvolvemento do Concello moi ambicioso e que busca mellorar a eficiencia enerxética, a sostenibilidade, a descarbonización, a economía circular, o aproveitamento dos recursos e a dixitación da cadea de valor.


Entre as actuación, destaca, tal e como indican dende o Concello, a instalación de paneis informativos co obxecto de dar una maior visualización sobre o comercio por parte da poboación, do turista e do visitante e a elaboración dun Marketplace co obxectivo de elaborar un mercado dixital personalizado con modelos a medida.


Destaca tamén un plan de sensibilización que ten como obxectivo principal impactar sobre o inicio da cadea de valor ao proceso dixitalizado da actividade comercial e a poboación de Monterroso así como reforzar boas prácticas para a realización de campañas do comercio con bonos, concurso de escaparates e participación cidadá. Así mesmo o plan contempla a realización de campañas de difusión e publicidade do comercio e de Monterroso como punto comercial a través dos seus produtores e artesáns, dos comerciantes e empresas así como a posta en valor das feiras monterrosinas, en especial a Feira de Santos na que xa se está traballando a través do Centro de Interpretación das Feiras e na súa páxina web.


O Consistorio de Monterroso. Autor: Ecos da Comarca.

Co obxecto de dotar ao municipio de mellor conexión e conectividade existe o compromiso do Concello de colaborar co despregue da fibra óptica por todo o municipio que xa se está levando a cabo por parte de tres empresas pero o plan inclúe tamén a instalación de dous puntos WIFI no entorno da Cúpula e na zona de maior afluencia comercial do Concello.


No referente as actuacións de sostenibilidade tamén o plan inclúe a implementación de bolsas reutilizables, promover a reciclaxe mediante un punto limpo móbil e a renovación de luminarias en zonas comerciais así como nos propios establecementos comerciais.


Destaca a creación dunha campaña de sensibilización e formación dirixida a emprendedores e ao comercio coa participación cidadá, formación e mentorización, prácticas en empresas e inserción laboral co fin de fomentar o relevo xeracional. É importante tamén nesta campaña no comercio potenciar e valorar o papel das mulleres no comercio dado que máis da metade de titulares do comercio monterrosino son mulleres.


Tamén se establecerán medidas de conciliación con outras actuación no Concello para favorecer a incorporación e a creación de un coworking no sector.


Outra actuación que ten interese neste proxecto é a creación dun stand dixital móbil co obxectivo de permitir que as persoas interesadas podan desfrutar das actividades comercias do municipio así como fomentar a compra online dos produtos que se poderá establecer en diferentes puntos do Concello como no Camiño Francés ao seu paso polo Concello e crear sinerxias con outros Concellos nacionais ou internacionais así como servirá de enclave para ser utilizado en feiras internacionais e lograr unha maior difusión dos produtos.


Tamén se humanizará todo o entorno da Cúpula onde se desenvolve a actividade comercial das feiras facendoa máis accesible e mellorando todo o seu entorno. O Concello comprométese a promover o relevo xeracional e o asentamento do comercio con exención de taxas e impostos para favorecer o embelecemento dos comercios mediante a exención do imposto de construción e de novas aperturas.


Estableceranse catro puntos de recarga de vehículos para incentivar a turistas a que pasen unha xornada comercial e turística en Monterroso. Ademais reducirase o imposto sobre os vehículos de tracción mecánica sempre que sexan eco eficientes e se utilicen para os sectores implicados no plan.


Estas son as principales liñas do plan solicitado que ascende a 625.775,37 euros e 75.000 euros serán cofinanciados con fondos propios do Concello e con fondos doutras

administracións. A alcaldesa de Monterroso, a independente Rocío Seijas, subliña que “Monterroso é o único Concello da provincia de Lugo con menos de 5.000 habitantes cun comercio tan dinámico e numeroso e con feiras mensuais tan importantes que xustifica que este plan é un plan integral e beneficioso para a economía e para a sociedade monterrosina”. Recalca que “beneficia ao sector primario e ao comercio, pero tamén ao turismo e a promoción económica en xeral, buscando o desenvolvemento sostible e económico así como a creación de emprego e a fixación de poboación”. Así mesmo, agradece a tódolos comerciantes a súa implicación con todas as campañas realizadas

no Concello.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page