Monterroso, corazón das feiras galegas cada 1 de novembro
- Laura Moure

- 2 nov
- 2 Min. de lectura
A Feira das Feiras, a Feira de Santos desta localidade consolida o seu poder de convocatoria
Laura Moure/Monterroso
Miles de persoas abarrotaron onte a vila ulloana desde primeira hora. A ausencia de chuvia favoreceu a afluencia de xente, chegada desde todos os puntos da Comunidade galega e de comunidades próximas, como Asturias. Son numerosos os autobuses que cada ano se achegan desde Asturias ou do país veciño Portugal a unha cita que ten máis de 800 anos de historia.

Así, como cada 1 de novembro, Monterroso celebrou esta cita tan consolidada, coñecida como a Feira das Feiras ou Feirón, que foi xa declarada de interese turístico galego no 2011. Tal e como informan dende o Concello, a feita congregou onte máis de 1.000 postos con produtos de todo tipo. A Cúpula converteuse nun escaparate da mellor gastronomía, un mercado tradicional cheo de produtos de tempada e dos mellores sabores do outono.
Cabe mencionar que este ano foi preciso suspender a feira de gando, para cumprir coas medidas estipuladas pola Xunta de Galicia para protexerse da dermatose nodular contaxiosa, a nova enfermidade que afecta ao gando vacún.
Publicidade
Recepción de autoridades
O alcalde, o popular Eloy Pérez, recibiu na Casa do Concello ás autoridades asistentes, entre elas a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz. Tamén asistiron alcaldes da zona e outros cargos institucionais.
Todos eles fixeron unha visita ao Museo, 'Monterroso a vila das feiras' e un percorrido pola feira, onde puideron degustar a ampla oferta dos produtores: castañas, mel, embutidos...
O alcalde, Eloy Pérez, salienta o poder de convocatoria dunha cita "a que deberan vir todos os galegos" e que iniciou o seu camiño xa para ser recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional. NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS CITA DA FEIRA.







Comentarios