top of page

Monterroso aproba unha iniciativa socialista para poñer en marcha os servizos sociais do Concello

O PSOE lembra que "o Concello tiña pechado o Centro de Día, o SAF con redución de horas e que a vivenda municipal segue sen ningún tramite para convertela en fogar residencial"

Vista aérea de Monterroso. Foto: Concello de Monterroso


Laura Moure/Monterroso

Os socialistas de Monterroso avanzaron hoxe que o pleno, celebrado onte, aprobou por unanimidade unha iniciativa socialista para a reactivación e posta en marcha dos servizos sociais do Concello. “Sabemos que son tempos moi difíciles para as familias que contan con dependentes nas súas casas, por iso parécenos fundamental poñer de novo en marcha este servizo esencial no eido dos servicios sociais da nosa vila”, avanzou Rafael García. "Hai que lembrar que o Concello tiña pechado durante esta época o Centro de Día, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con redución de horas para atención aos usuarios e a vivenda municipal segue sen ningún tramite para convertela en fogar residencial", apunta.


Nesta mesma sesión plenaria, celebrada vía telemática, o grupo socialista de Monterroso defendeu outra proposta para demandar ao goberno de Feijóo un incremento das axudas económicas para o Concello polo servizo de axuda no fogar, actualizando as achegas, que levan conxeladas dende o 2012, e eliminando o copago dos usuarios. “Queremos puntualizar que esta proposta tamén saíu adiante, pero lamentablemente o goberno municipal abstívose, polo tanto, terán que explicarlles aos cidadáns porque non queren máis recursos económicos para o noso Concello”, lamentou.


Reparos de intervención

O PSOE de Monterroso tamén se referiu aos dous decretos da alcaldía polo levantamento de dous reparos á legalidade do Servizo de Intervención municipal. Concretamente, os reparos son “pola adquisición de carburantes a unha empresa que non tiña contrato de servizos en vigor co Concello”. E o segundo reparo está relacionado “co concurso de Decoración de escaparates de Nadal, facendo os pagos dos correspondentes premios co levantamento dun reparo debido a ausencia de expediente administrativo, falla de bases reguladoras, falla de aprobación das mesmas, falla do nomeamento do xurado (no seu caso), etc, vulnerando a lexislación vixente”.


“Por iso queremos enviar unha recomendación ao equipo de goberno de Monterroso e a alcaldesa para que se deixe aconsellar máis dos técnicos e dos funcionarios municipais, que son os que a van levar a xestión do Concello polo camiño da legalidade, xa que a práctica reiterada destes procedementos son uns malos compañeiros de viaxe”, replicou o socialista.


Criticas ao Regulamento de organización do Concello

Rafael García alude tamén ao regulamento de organización do Concello de Monterroso aprobado en solitario polo equipo de goberno. E puntualiza que esta nova normativa “merma a participación política dos grupos políticos da oposición, xa que limita a participación dos grupos políticos con só dúas mocións por pleno, tendo un tempo moi limitado para exposición de motivos. Ademais pasamos de celebrar un pleno ao mes, a celebralo cada dous meses. Tempo insuficiente moitas veces para debater asuntos relevantes e importantes para Monterroso”, criticou.


Así mesmo, denuncia que "este regulamento, aprobado pola coalición de goberno de I.X.M e PP non ten por obxectivo regular e moderar as sesións plenarias, senón que o que se trata é de silenciar aos grupos políticos, limitándonos o noso dereito a participación política e a de exercer a nosa labor como membros da corporación na fiscalización do goberno municipal".


Déficit democrático

Por último, sinala que "outra das prácticas habituais deste goberno municipal é a de introducir nas sesións plenarias, por vía de urxencia, algunhas mocións, descoñecendo os membros da corporación a documentación que se vai a debater. Polo tanto, cabe recordar os métodos a empregar polo goberno, denotan un déficit democrático, déficit que xa denunciou publicamente o concelleiro non adscrito, debido a que o bloquearon da páxina do Facebook do Concello, e algún veciño máis que tamén comprobou como se lle borraban algún comentario que non era de agrado dos responsables municipais".


0 comentarios

留言


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page