Manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, da autoría da xornalista Marta Otero
Ecos da Comarca/Xeral
Hoxe, como cada 3 de maio, celébrase o O Día Mundial da Liberdade de Prensa, que foi proclamado o 3 de maio de 1993 por AGNU, seguindo a recomendación da Conferencia Xeral da UNESCO. Este día conmemora o aniversario da Declaración de Windhoek, un documento sobre os principios da liberdade de prensa elaborado en 1991 por xornalistas africanos en Windhoek, Namibia, salientando a importancia dunha prensa libre para unha sociedade democrática. O obxectivo desta conmemoración é lembrar a importancia dunha prensa libre, avaliar a liberdade de prensa no mundo, defender a independencia dos medios e render homenaxe aos xornalistas que perderon a vida no exercicio da súa profesión.
Compartimos o manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, da autoría da xornalista Marta Otero.
Merece a pena
"O primeiro que aprendemos ao poñer un pé na facultade é que o xornalista non é nunca a noticia. A nosa función última de portadores, mensaxeiros e intérpretes, todo á vez, ten un dano colateral: decote impide nos poñamos diante do espello e avaliemos colectivamente o noso facer profesional, as carencias, as fortalezas e ata os vicios que, inevitablemente, o hábito acaba por enquistar na acción diaria. O día da Liberdade de Prensa sempre é un bo momento para romper esta regra e aproveitar para sermos autoconscientes, tomar o pulso da profesión e preguntármonos onde estamos.
Este oficio foi albo de ameaza dende a súa invención. Hai ameazas evidentes e manifestas, en forma de violencia, presións ou mordazas, externas en todo caso. Hai outras, porén, tanto ou máis perigosas, que veñen de dentro; daqueles que se infiltran e envelenan o propósito e os principios de honestidade, obxectividade e servizo público que rexen o oficio. Ataques de propia bandeira contra os que temos que amosar intransixencia, pois se os recibimos con indolencia, o golpe levarémolo todos.
Ninguén que exerza esta profesión é alleo ao feito de que require renuncias. Quen se adica ao xornalismo de proximidade, as máis das veces renuncia ao tempo, á familia e aos horarios. A precarización do modelo lévanos a todas a renunciar á tranquilidade e a unha existencia confortable. Os novos hábitos de consumo, instalados na fugacidade, fannos ás veces deixar polo camiño ata a vocación, motor primeiro e último de todos e todas nós. Todo é nada, a fin de contas, a carón das renuncias de quen vai un paso máis alá, e arrisca a súa integridade, a súa saúde, e a súa vida, guiado polo convencemento de que a información é un ben tan valioso que ben paga o sacrificio.
A humanidade experimenta hoxe unha convulsión que cría esquecida. A era contemporánea traza no mapa novos infernos. Onte na Ucraína, hoxe, e con especial crueldade, en Gaza. O ano 2023 pechou como o máis letal da última década para os informadores profesionais ao longo do mundo. Como sociedade, mais tamén como compañeiros, cómpre non pechar os ollos ás cifras: 140 xornalistas asasinados nun total de 28 países. Case un ao día no último trimestre do ano pasado. 81 deles en Gaza, sen contar os catro primeiros meses de 2024. Demasiados, a todos os efectos.
As consecuencias máis elocuentes desas renuncias témolas hoxe aquí. Son as que impiden a Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi recoller este premio co que modestamente se lles honra, a miles de quilómetros da prisión iraniana na que permanecen alleas mesmo a este recoñecemento. Renuncias como a do propio José Couso, que nos reúne a todas aquí cada ano, inmortal xa para sempre na memoria colectiva 21 anos despois do seu asasinato. Haberá quen se pregunte, lexitimamente, se merece a pena tan alto prezo. A resposta non pode ser outra; a alternativa é o silencio. Chamámoslle a isto o oficio porque é unha das poucas profesións que non se estuda, senón que se aprende exercendo. E algo que aprendemos case todas é que si, merece a pena.
Publicidade
E merece a pena porque, dende a humildade, o noso labor é hoxe máis que necesario, urxente. Ante a desinformación, xornalismo. Ante a utilización tramposa da información, xornalismo. Ante as mentiras e as medias verdades, unha e outra vez, xornalismo.
Non hai xornalismo sen xornalistas. Se cada un de nós facemos da nosa acción profesional e da nosa propia persoa como informadores, unha garantía de rigor, esforzándonos por non sucumbir á comodidade do propio nesgo, ás trampas do ego ou ás facilidades dos triunfos curtopracistas, daquela haberá xornalismo, e haberá xornalistas.
Dende o xornalista local que dá voz ás alegacións dunha comunidade veciñal ante os estragos no territorio dun macroproxecto, ao correspondente que envía as súas crónicas baixo as proxectís en Gaza. Do que arrisca o nome ao que arrisca a vida. Ningún continxente, todos necesarios. Sen xornalismo e xornalistas independentes, apoiados, autoconscientes e críticos, o silencio vencerá neses infernos que hoxe volven agromar na terra.
Publicidade
Merece a pena. Por cada veterano ao que as presións institucionais, a banalización das informacións, a falta de mans e os novos códigos do clickbait, da información feita espectáculo e dos sistemas de publicidade institucional lle fan capitular, hai trinta rapaces e rapazas co idealismo das primeiras veces, que saen da facultade con folgos e enerxías para mover, aínda que sexa un milímetro, ese marco que semella anquilosado en vellas inercias que a profesión adopta por supervivencia. Contra a comprensible perda de esperanzas, sexamos optimistas: o futuro empeza en cada nova promoción. Como non vai merecer a pena".
Marta Otero, Xornalista
Cabe mencionar que este venres celébrase en Ferrol os actos de entrega do XX Premio Couso de Liberdade de Prensa. O galardón recaeu este anos nas xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, que non poderán asistir por ter prohibido saír do páis e mesmo contactar con organizacións do exterior, polo que será recollido de maneira simbólica por Amnistía Internacional e Reporteiros Sen fronteiras. Os actos están organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e polo Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración deste Concello, e poderán seguirse tamén por streaming.
Comments