"Mentiras en serie: Taboada xa non sabe nin o que di sobre a Ponte da Balsiña", sinala o PP de Cruces
- ecosdacomarca

- 18 jun 2025
- 4 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces desminte "con rotundidade as últimas afirmacións do goberno de Xuntos, encabezado polo señor Taboada, nas que volve caer na contradición e na mentira para intentar ocultar a súa absoluta incapacidade para xestionar o noso concello".
"Resulta sorprendente", sinala "que, nunha nota de prensa anterior, o propio goberno local afirmara que o noso voceiro, Jesús Otero, non moveu nin un só dedo nin achegou cantidade algunha para a Ponte da Balsiña, e agora, na súa última nota, afirman que foi precisamente o señor Otero quen rehabilitou a ponte nos anos 90, durante o seu mandato. Que se aclaren. Xa non se lembran do que afirman, contradíndose entre nota e nota, parece que cada día que pasa aumenta a incapacidade do señor Taboada".

Por outro lado, apunta que "neste novo intento de manipulación, o equipo de Xuntos pretende facer crer á veciñanza que as vigas de madeira se deterioraron gravemente por culpa dos mandatos anteriores, sen recoñecer que a causa directa do estado actual da infraestrutura é a deixadez manifesta do goberno do señor Taboada, que non realizou nin unha soa actuación de mantemento preventiva durante todo o seu mandato. A ponte, como é evidente, estivo operativa durante décadas, e foi baixo a súa xestión cando quedou totalmente intransitable e perigosa, obrigando ao seu peche. A realidade é que o señor Taboada leva seis anos sen facer nada pola ponte. Se realmente estaba xa mal, por que non actuou antes? E se non estaba, por que non se actuou antes tamén sen chegar a que a ponte sexa un perigo evidente? Iso é o que a veciñanza ten que saber".
En canto a que o goberno local asegura que a Xunta nunca lles confirmou que a competencia da ponte era exclusivamente municipal, "pero consta documentalmente que a administración autonómica respondeu claramente que a infraestrutura non é propiedade de ningunha das súas consellerías, polo que a súa xestión corresponde ao Concello. Se o señor Taboada non entende unha resposta institucional tan clara, non debería estar gobernando", recalca o PP.
Publicidade
En canto aos procedementos abertos que afectan ao Concello, "lembrámoslle ao señor Taboada que todos os expedientes por responsabilidade patrimonial que están en marcha derivan da súa etapa de goberno, relacionados coa súa falta de mantemento das infraestruturas e dotacións públicas ou cos conflitos laborais creados pola súa xestión, non polo mandato anterior do Partido Popular. Respecto aos fondos europeos, o goberno de Xuntos volve mentir sen rubor. Durante os gobernos do Partido Popular Vila de Cruces aproveitou fondos europeos para construír numerosas infraestruturas que hoxe seguen dando servizo aos veciños as cales non é capaz nin de facerlle o mantemento, como pode ser o abastecemento ao poboado de Fontao ou a Renovación das instalacións de iluminación pública que se lle deixou todo listo para a licitación, pero a súa xestión veuse perfectamente cando pagaron miles e miles de euros en reparacións desta instalación que estaban en período de garantía o que pode supoñer un delito de malversación. Con todo, nestes últimos anos, coincidindo coa maior chegada de financiamento europeo da historia a través dos fondos Next Generation, o Concello de Vila de Cruces non foi quen de captar nin unha soa axuda. Se o goberno local pode citar un só investimento conseguido con fondos europeos ou estatais do Plan de Resiliencia nestes anos, convidámolos a que o fagan. A realidade é que non existe ningún".
Publicidade
Sobre o argumento de que durante os gobernos do PP a poboación caeu, os populares, afirman que "é curioso que un goberno que leva máis tempo xustificándose que traballando recorra agora á estatística demográfica para desviar a atención. A perda de poboación é unha realidade que afecta a todo o rural galego, pero durante os gobernos do PP construíronse infraestruturas, mantivéronse servizos e conseguiuse manter unha actividade cultural e económica viva. Hoxe, en cambio, temos un goberno que non lidera, non impulsa e non actúa, e os resultados están á vista".
E reitera que o Partido Popular de Vila de Cruces continuará "a denunciar con rigor e responsabilidade a deriva deste goberno local e a traballar por un concello con futuro, xestión eficaz e con resultados reais para a veciñanza. Esperemos que dada a nosa insistencia o final se repare a Ponte aínda que xa chegará tarde coma sempre evidenciando a incapacitación do señor Taboada".
NOTICIAS RELACIONADAS:
O Concello de Vila de Cruces defende o peche da ponte da Balsiña, en Toiriz: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-concello-de-vila-de-cruces-defende-o-peche-da-ponte-da-balsi%C3%B1a-en-toiriz
A veciña que vive xunto á ponte da Balsiña desminte ao Concello de Vila de Cruces: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-veci%C3%B1a-que-vive-xunto-%C3%A1-ponte-da-balsi%C3%B1a-desminte-ao-concello-de-vila-de-cruces
O PP e o BNG de Vila de Cruces esixen a mellora urxente da ponte da Balsiña en Toiriz: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-e-o-bng-de-vila-de-cruces-esixen-a-mellora-urxente-da-ponte-da-balsi%C3%B1a-en-toiriz
Taboada mantivo conversas con diversos organismos para financiar o arranxo da ponte da Balsiña: https://www.ecosdacomarca.com/post/taboada-mantivo-conversas-con-diversos-organismos-para-financiar-o-arranxo-da-ponte-da-balsi%C3%B1a
"Taboada pecha pontes e constrúe mentiras", afirma o Partido Popular de Vila de Cruces: https://www.ecosdacomarca.com/post/taboada-pecha-pontes-e-constr%C3%BAe-mentiras-afirma-o-partido-popular-de-vila-de-cruces
O goberno de Vila de Cruces apunta ao PP como "o causante do mal estado da ponte da Balsiña": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-goberno-de-vila-de-cruces-apunta-ao-pp-como-o-causante-do-mal-estado-da-ponte-da-balsi%C3%B1a








Comentarios