top of page

Melide será un dos primeiros municipios en contar cun Club de Saúde, xunto con Cedeira e Vimianzo

É unha iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro, deseñada especialmente para contornas rurais, que pretende contribuír a mellorar os niveis de saúde integral das persoas participantes e aportar ferramentas para fomentar un maior benestar físico e social


Laura Moure/IsmaelRS/Melide

A Asociación Española Contra o Cancro presentou este martes o seu Club de Saúde en colaboración co Concello de Melide. O acto tivo lugar na Sala de Conferencias do Edificio Multiusos de Melide, e contou coa presencia de Javier Álvarez Barbeito, representante do Consello Provincial da Asociación Española Contra o Cancro, José Manuel Pérez Penas, alcalde de Melide, e Teresa Ferreiro, xefa de Servizo do Centro de Saúde de Melide e as voluntarias da Asociación Española Contra o Cancro en Melide. Tamén interviron Aurora Fernández, presidenta de Alecrín Asociación de mulleres rurais da comarca de Melide e da Asociación Española Contra o Cancro e Lourdes Piñeiro, voluntaria destes dous colectivos. Os Clubs de Saúde da Asociación están deseñados para mellorar a saúde integral — física, emocional e social — das persoas nas contornas rurais, proporcionando ferramentas para fomentar un maior benestar, e conta co apoio da Consellería de Sanidade.

Autor: Ecos da Comarca.

Un proxecto pola saúde integral en Melide

O Club de Saúde de Melide é un proxecto pioneiro que busca facilitar o acceso a recursos de saúde integral, especialmente en áreas onde estes servizos poden ser menos accesibles, fomentando o concepto de equidade que a Asociación defende. Dirixido a pacientes con cancro, superviventes e os seus familiares, o club ofrece un espazo semanal de encontro e apoio. Entre as actividades que se levarán a cabo por un equipo de profesionais especializados e voluntarios da Asociación, inclúense talleres sobre nutrición, exercicio físico adaptado, promoción de hábitos saudables, desenvolvemento de habilidades no manexo de emocións, e actividades que promoven a inclusión social e o benestar comunitario. O proxecto piloto terá lugar en Melide, Cedeira e Vimianzo, con ánimo de crecer nun futuro en máis puntos do territorio da provincia coruñesa.

O Club de Saúde de Melide terá lugar no Centro de Saúde, de 17:00 a 18:30 horas do mércores 12 de xuño ao 4 de decembro. A participación no club é completamente gratuíta -como tódolos programas e servizos da Asociación Española Contra o Cancro-, requirindo unicamente dunha derivación por parte do médico de cabeceira ou a través dos voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro en Melide.

 

Pola equidade fronte ao cancro

A Asociación Española Contra o Cancro salienta cos Clubs de Saúde a importancia de fomentar a equidade no acceso aos recursos de saúde integral, especialmente en áreas rurais onde os servizos non sempre son tan accesibles como en núcleos urbanos. Para iso, o traballo en rede é fundamental nos Clubs de Saúde, que non só achegan recursos de saúde aos municipios, senón que tamén fortalecen as comunidades rurais, creando espazos para que as persoas poidan conectar, compartir experiencias e apoiarse mutuamente, axudando a romper o illamento que a miúdo enfrontan as persoas con cancro. Ademais, os Clubs de Saúde fomentarán a atención próxima e a comprensión das necesidades locais, clave para responder efectivamente ás necesidades específicas de cada municipio, abordando tamén a soidade non desexada e as vulnerabilidades que poden xurdir co cancro.

 

Publicidade

Sobre a Asociación Española Contra o Cancro

A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos para mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar á beira das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 104 millóns de euros en 565 proxectos, nos que participan máis de 1.500 investigadores.

A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais, e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e case 1.000 profesionais. Durante o 2023, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a 150.000 persoas afectadas pola enfermidade.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page