top of page

Melide presenta o V Plan de Igualdade e prevención da violencia de xénero e o seu Protocolo

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O novo plan municipal estrutúrase sobre unha serie de principios reitores que lle outorgan

coherencia e un propósito claro


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide vén de presentar, na xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional correspondente, un Protocolo de Coordinación Municipal para a Atención Integral da Violencia de Xénero e o V Plan de Igualdade e Prevención da Violencia de xénero . O Plan aprobado constitúe un documento de planificación a través da cal poderá

promoverse a igualdade no concello. Artéllase sobre seis eixos: a transversalidade de

xénero nas accións municipais; a educación en igualdade para toda a cidadanía; a

participación social e o apoderamento individual e colectivo; a calidade de vida e a saúde

integral; o emprego, a conciliación e a corresponsabilidade, e, por último, a abordaxe

integral da violencia de xénero.


A amplitude de liñas de traballo evidencian a ambición e a exhaustividade con que se leva

a cabo a elaboración dun documento acorde ás necesidades de Melide para os vindeiros

anos.


O protocolo de coordinación é un documento que constituirá unha ferramenta para adaptar a resposta fronte á violencia de xénero ás necesidades concretas de Melide,

promovendo unha resposta máis eficaz dos axentes sociais á hora de protexer, asistir e

reparar ás vítimas da violencia de xénero e mais as súas fillas e fillos.

Na xuntanza da Mesa, que tivo lugar durante a mañá do mércores 18 de decembro, estiveron presentes tanto o alcalde, José Manuel Pérez, como a concelleira de Igualdade, Carmen Liñeira. Asistiron tamén representantes das forzas de seguridade, caso do cabo 1º da Garda Civil Miguel Mosquera, e os policías locais Fernando Souto e Javier Méndez.

Igualmente, na Mesa participan representantes do centro de saúde como a xerente do mesmo, a traballadora social deste, ou a matrona. Do mesmo xeito asistiron representantes dos centros educativos de primaria representados tanto polas direccións

dos mesmos como polo equipo de orientación .Por parte do Centro de Información á

Muller estivo a psicóloga do mesmo. Por último, estiveron presentes a traballadora social

do Concello de Melide, e a súa homóloga no de Toques, e Lara Fuentes, da asociación

APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega).


Unha ferramenta de apoio froito dun traballo consensuado

Os documentos hoxe feitos público funcionarán dotando dunha referencia de apoio e

consulta ás persoas e entidades que forman parte da Mesa Municipal contra a Violencia

de Xénero do Concello. A súa elaboración parte do Centro de Información á Muller e da

Concellería de Igualdade.


Publicidade  

O novo plan municipal estrutúrase sobre unha serie de principios reitores que lle outorgan

coherencia e un propósito claro. Por unha banda, o de sensibilización e participación da

poboación. O plan procura promover o compromiso da cidadanía e recoller a súa opinión,

tamén para atender as necesidades non detectadas doutra maneira. Pola outra, o plan contempla o respecto á diversidade, atendendo ás necesidades e particularidades de cada colectivo dentro de Melide.


Un terceiro principio reitor é o da integración da perspectiva de xénero en todas as liñas de traballo municipal, de forma que estea presente á hora de planificar, executar e avaliar

calquera política pública do Concello.


O cuarto principio é o da coordinación institucional. O plan prevé o intercambio de información, coñecementos e procedementos de traballo entre os distintos niveis administrativos co obxectivo de optimizar todas as accións municipais.


O protocolo articúlase sobre catro eixes para os que describe recomendacións específicas, como son o educativo, o sanitario, o policial e o xudicial. A súa elaboración

pasou por tres etapas. Na primeira delas analizouse toda a normativa existente nos

diversos ámbitos e niveis administrativos, tras o cal foi elaborado un borrador de procedemento de actuación en cada área que, posteriormente, foi avaliado e enriquecido

en reunións de traballo coas áreas e axentes implicados, dando lugar ao documento final.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O CIM, unha peza chave

Un dos elementos fundamentais do protocolo está no Centro de Información á Muller. Cada área do documento conta cun modelo de derivación e comunicación con este centro, entendendo que a derivación e coordinación entre áreas é o alicerce de calquera

protocolo efectivo. O documento actúa así como unha guía de referencia que facilita a coordinación entre institucións, co obxectivo de que a atención que se presta ás vítimas

da violencia sexa áxil, coherente e adaptada ao caso concreto.


Tanto a concelleira de Igualdade, Carmen Liñeira, como o alcalde, José Manuel Pérez,

valoran moi positivamente a redacción e elaboración deste documentos, que vén

fortalecer a resposta contra a violencia de xénero que debe darse dende o ámbito local en

colaboración cos diferentes niveis administrativos. Melide avanza así na senda aberta

polo máis recente plan de igualdade, traballando por un municipio e unha sociedade máis

igualitaria e sen violencia.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page