Melide outorga as Medallas de Ouro a Juan Curros e ao equipo formado por Xesús Ferreiro e Xavier Anido
- Laura Moure

- 29 jun
- 2 min de lectura
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide outorgou este mediodía as Medallas de Ouro a Juan Carlos Curros Vázquez e ao equipo formado por Xesús Ferreiro Pérez e Xavier Anido Vázquez.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, foi o encargado de colocarlles as medallas, ao
tempo que trasladou o agradecemento do Concello aos homenaxeados pola súa dedicación e compromiso ao longo dos anos e asegurou que “é unha satisfacción
recoñecer a persoas que, co seu traballo e dedicación, contribúen a apoiar e divulgar o nome de Melide”.

Juan Carlos Curros Vázquez, melidense e traballador do Concello de Melide desde hai
máis de 40 anos, recibiu a Medalla de Ouro polo seu labor como xefe de Protección Civil. O rexedor destacou que leva desempeñando de maneira desinteresada esta función durante catro décadas, subliñando a súa dispoñibilidade permanente para atender
calquera emerxencia, a calquera hora do día ou da noite. José Manuel Pérez puxo en
valor a súa entrega, lembrando que ao longo destes anos chegou mesmo a arriscar a súa
propia vida no desempeño desta responsabilidade. "En nome da Corporación municipal,
moitas grazas pola súa dedicación e compromiso con Melide", afirmou.
PUBLICIDADE

Pola súa banda, o equipo formado por Xesús Ferreiro Pérez e Xavier Anido Vázquez foi
distinguido pola súa contribución á difusión do nome de Melide e polos seus éxitos
deportivos acadados a través da súa participación no mundo do rally a nivel nacional e
internacional. Durante a súa intervención, o alcalde puxo en valor a traxectoria de Xesús
Ferreiro e Xavier Anido, destacando o esforzo, a constancia e o talento que os levaron a
converterse nun referente do automobilismo. José Manuel Pérez lembrou tamén que os
seus éxitos deportivos contribuíron a situar o nome de Melide no ámbito nacional e internacional e expresou o desexo de que este recoñecemento, outorgado polo seu propio
Concello, teña un significado especial para ambos. "Desexámosvos que sigades facendo
historia. Moitas grazas pola vosa achega a este Concello de Melide", engadiu.
PUBLICIDADE
Proposta aprobada por unanimidade
A concesión foi acordada nun pleno extraordinario a proposta da Corporación e aprobada por unanimidade. As Medallas de Melide foron creadas no ano 2001 para distinguir a
aquelas persoas e institucións melidás ou mesmo descendentes de melidenses que
contribuíran ou contribúan a apoiar, traballar e divulgar o nome de Melide.








Comentarios