As obras, que durarán un total de catro meses, licítanse por un orzamento de 40.559 euros
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide anunciou este xoves o comezo do proceso de licitación das obras de mellora de acceso ás instalacións do campo de fútbol municipal, na estrada de Agolada. As obras, que durarán un total de catro meses, licítanse por un orzamento de 40.559 euros, con fondos pertencentes ao Plan Único da Deputación da Coruña de 2021.
O edil de Deportes, José A. Prado, declarou que esta intervención é “moi necesaria para dignificar os accesos a unha instalación deportiva coma o campo de fútbol, que rexistra moita utilización por parte de deportistas da nosa comarca. O goberno local segue a demostrar que as instalacións deportivas son unha prioridade na nosa xestión diaria”, aseverou.
A actuación
A intervención incluirá o cambio do pórtico de entrada, situándose no lugar unha porta metálica de tres follas. Unha delas será fixa e as outras dúas de tipo corredizo. A de maior dimensión destas dúas destinarase ao acceso de vehículos, sendo a outra para acceso peonil. As obras tamén contemplan a modificación do tellado do cuarto de instalacións, poñendo no seu lugar unha cubrición metálica que se prolonga sobre o acceso, de forma que se habilita unha zona exterior cuberta. No cuarto de instalacións tamén se introducen elementos de seguridade como luminaria de emerxencia ou un extintor.
En canto aos pavimentos, procederase á ordenación dos mesmos, coa introdución dunha banda de formigón entre a escaleira e a costa, de forma que quede claro o uso peonil. Ademais, ampliaranse e crearanse novas bandas de axardinamento e eliminarase a moqueta de herba artificial. Así mesmo, os traballos incluirán a creación dunha senda asfaltada ata o vestiario. Dende este, a senda continuará ata o acceso ao terreo de xogo.

Por último, a intervención contempla a realización de pequenas obras de ornamentación sobre elementos xa existentes. Estas inclúen limpezas, recebos ou pintado de paramentos, saneado, pintado de varandas -como nas ramplas e escaleira- e da porta do cuarto de instalacións.
"É de destacar que grazas a esta intervención remarcarase axeitadamente o acceso peonil ao recinto. Igualmente, que o novo tellado permitirá o acceso e compra do billete a cuberto", subliña o Concello.
Comments