Melide mellorará a iluminación, son e tramoia do auditorio do Centro Sociocultural Mingos de Pita
- Laura Moure
- 8 oct 2022
- 2 Min. de lectura
O espazo adquirirá novo material e un terzo do seu financiamento procederá dunha subvención autonómica, asumindo o resto con fondos municipais
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide adquirirá e instalará durante o presente mes de outubro maquinaria escénica por un valor total próximo aos 18.000 euros no Centro Sociocultural Mingos de Pita. Con este investimento, o Concello porá solución ás carencias en equipamento escénico do auditorio, que ata o de agora non puido aproveitar todo o seu potencial.

Esta iniciativa permitirá converter o auditorio do recinto nun equipamento público axeitado
para actuar como importante espazo cultural local. Ademais, permitirá incrementar as
posibilidades das actuacións que teñan lugar sen ter que recorrer ao alugueiro de
equipamentos externos, reducindo deste xeito a achega económica que para o Concello
supoñen as contratacións extraordinarias. O investimento redundará, xa que logo, na
comodidade das compañías e espectadores do auditorio, así como na calidade técnica
das representacións.
A adquisición de nova maquinaria dotará o auditorio da estrutura necesaria para dar
soporte a equipos de iluminación, son e tramoia. O equipamento escénico que se
adquirirá comprende un sistema de colgado fixo co que dar soporte a aqueles elementos
necesarios nas representacións que non forman parte da estrutura do auditorio. O equipamento a mercar inclúe tres truss de aluminio triangular; dous polipastos
eléctricos de cadea de 250 quilogramos; dúas varas electrificadas en tubo de aluminio cadrado de nove circuítos; dous adaptadores para elevar e suspender o truss; un mando
de motor de armario fixo; un pantógrafo para fíos de cinta plana na vara de carga; unha
liña de cinta plana de 18 circuítos de 25 metros; unha subministración e instalación de
sinal de DMX no truss e un dimmer de seis canles.
O investimento para a adquisición de material será de 17.670 euros. Desta cantidade,
6.926, serán achegados pola Xunta de Galicia a través dunha subvención para
equipamento de maquinaria escénica concedida pola Consellería de Cultura da Xunta de
Galicia. O resto do investimento, aproximadamente dous terzos do total, será achegado
polo Concello.
Comments