Melide impulsa novas melloras na rede viaria e a ampliación do cemiterio de Furelos
O Pleno extraordinario aprobou o convenio de colaboración entre Melide, Arzúa, Santiso, Toques e Vilasantar para dar continuidade ao Servizo de Atención Temperá
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide impulsa novas actuacións na rede viaria e no cemiterio municipal de Furelos cun investimento conxunto de 491.656,98 euros. O Pleno extraordinario celebrado o martes aprobou a participación do Concello na segunda fase do POS+ Adicional 2/2026 da Deputación da Coruña, así como os proxectos de mellora da pavimentación e da seguridade viaria da Pista de Maceda e outras vías e de ampliación do cemiterio municipal de Furelos.
A proposta foi aprobada por unanimidade. A Deputación da Coruña achegará 476.656,99
euros para esta segunda fase do programa. Mellora da Pista de Maceda e outras vías

O Proxecto de mellora da pavimentación e da seguridade viaria da Pista de Maceda e outras conta cun investimento de 408.580,95 euros e contempla actuacións na Pista de
Maceda, na pista de acceso a Corral do Medio por Panadeiros e en Pistas da parroquia
de San Cosme.
Os traballos inclúen, de maneira xeral, a limpeza e acondicionamento das cunetas e dos bordos das vías, a preparación e mellora do firme e a renovación da pavimentación e da
sinalización horizontal. Na pista de Corral do Medio a San Xiao actuarase tamén no acceso a instalacións agropecuarias, unha zona afectada polo tránsito e as manobras de
vehículos pesados, onde se reforzará o firme con formigón.
O proxecto establece un prazo de execución de catro meses. O Concello dispón dos
terreos, augas e servidumes e ten resoltas as cuestións relativas ás autorizacións necesarias para esta actuación.
PUBLICIDADE
Ampliación do cemiterio municipal de Furelos
O Proxecto técnico de ampliación do cemiterio municipal de Furelos conta cun orzamento
de 83.076,03 euros. A actuación responde á falta de nichos dispoñibles actualmente para
a súa concesión e á existencia de novas solicitudes por parte da veciñanza.
O proxecto contempla a construción dun novo módulo de nichos nunha das zonas libres
existentes dentro do recinto e en continuidade cos módulos actuais. A actuación
comprende a execución dos nichos, cimentación, estrutura, acabados, cuberta,
pavimentación e as instalacións necesarias para o seu funcionamento, permitindo
incrementar a capacidade funeraria do cemiterio e garantir a conexión cos percorridos e
servizos existentes.
O novo módulo manterá unha configuración e materiais acordes cos existentes, co granito
como acabado exterior predominante. O proxecto recolle tamén a adecuación do espazo
e medidas para garantir a accesibilidade e a seguridade dos percorridos.
PUBLICIDADE
En canto ás autorizacións, a actuación conta coas de Patrimonio Cultural e Medio
Ambiente, mentres que as correspondentes a Augas de Galicia e Sanidade están en
trámite.
Xestión compartida entre municipios
O Pleno extraordinario aprobou tamén o convenio de colaboración entre os concellos de
Melide, Arzúa, Santiso, Toques e Vilasantar para dar continuidade á xestión compartida do Servizo de Atención Temperá e solicitar a correspondente subvención da Xunta de Galicia para o período comprendido entre o 1 de novembro de 2026 e o 31 de outubro de 2028.
Melide continuará como concello promotor e encargarase da xestión, percepción e xustificación da axuda, así como da tramitación da contratación da entidade encargada de
prestar o servizo, dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, ás súas familias e á súa
contorna.









Comentarios