top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Melide e Toques establecen un marco de colaboración para crear dúas rutas de senderismo homologadas

Ambos Concellos abordaron durante unha reunión outros temas de interese para ambos municipios


Laura Moure

Alcaldes e tenentes de alcalde dos Concellos de Melide e Toques mantiveron na mañá de hoxe un encontro no que estableceron un marco de colaboración entre os dous concellos veciños para traballar sobre temas de interese para ambos. O primeiro asunto sobre o que se está a traballar é a creación de dúas rutas homologadas de sendeirismo, que unirán ambos concellos, transcorrendo polas zonas máis representativas da xeografía da comarca Terra de Melide.


A proposta destas dúas rutas parte do Concello de Melide e permitirá contar, xunto coas que xa dispón o municipio de Toques, cunha rede de catro rutas homologadas e interconectadas entre si o que permitirá a veciños e visitantes desfrutar do entorno natural de ambos concellos.


Recorridos

A primeira ruta unirá os dous núcleos municipais e poñerá en valor o percorrido que transcorre polo punto máis alto da provincia da Coruña, O Coto do Pilar, accedendo a el a través dos Montes do Bocelo. O segundo roteiro, discorrerá ao longo do río Furelos, desde a Ponte Medieval de Furelos finalizando nas Fervenzas do Concello de Toques.


A creación de ambas sendas aportarán claros beneficios en tres liñas: incremento da práctica deportiva e hábitos saudables, a posta en valor do patrimonio cultural e medio ambiental de ambos concellos, así como un impacto económico a través do turismo.


Durante o encontro celebrado entre os equipos de goberno de ambos concellos traballouse sobre outros temas de colaboración dos que se irá informando a medida que se vaian concretando.

Os alcaldes e tenentes de alcalde de Melide e Toques, hoxe, na reunión.

0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page